Propoñen a José Cela como novo alcalde de Moraña tras a saída de Luisa Piñeiro
Por Redacción
José Cela, actual tenente de alcalde en Moraña, será o novo alcalde do municipio, en substitución de Luisa Piñeiro, que deixa o cargo despois de nove anos para ser a nova delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.
O goberno municipal, tras unha xuntanza entre todos os seus membros, tomou a decisión de que Cela sexa quen asuma a Alcaldía.
Tras este apoio unánime, será proposto ao pleno da corporación como novo alcalde nunha sesión de investidura que aínda non ten data, pero que será en breve prazo, tras a reorganización das competencias e das áreas municipais do executivo municipal.
O futuro alcalde ten 56 anos de idade, é veciño do lugar de Alende, na parroquia de Santa Xusta, e ten dous fillos. Trátase do concelleiro máis lonxevo do goberno local, xa que pertence á corporación desde xuño de 2011, acompañando a Luisa Piñeiro nos seus tres mandatos.
Cela, que concorreu no número dous da candidatura do PP nas pasadas eleccións municipais de 2019, tivo unha dilatada traxectoria de máis de trinta anos no mundo da empresa e afronta agora unha nova etapa á fronte do goberno de Moraña.
O próximo alcalde, que este venres mantivo unha longa reunión de traballo con Luisa Piñeiro, quixo agradecer á rexedora o "inmenso traballo e legado que deixa en Moraña" e agradeceu aos seus compañeiros pola confianza depositada nel. "Agardo estar á altura", afirmou.
O funcionamento e a acción do futuro executivo, avanzou José Cela, será continuista porque "cremos que non se debe cambiar o que funciona e tamén porque, cando emprendemos este proxecto, todos tiñamos moi claro e estabamos de acordo no camiño a seguir para Moraña".
Relacionadas:
-
José Cela toma posesión como alcalde de Moraña
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro formaliza a súa renuncia coma alcaldesa de Moraña
Por Redacción |
-
VIDEO.- Luisa Piñeiro toma posesión coma nova delegada da Xunta en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Luisa Piñeiro, actual alcaldesa de Moraña, substituirá a Cores Tourís como delegada da Xunta en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |