A nova cuberta da escola de Cangrallo custará preto de 25.000 euros
Por Redacción
A reforma integral da antiga escola de Cangrallo segue a dar pasos en firme. O Concello de Barro anunciou que cambiará a cuberta do inmoble, moi deteriorada polo paso do tempo.
Nesta actuación, o goberno municipal investirá 24,564,89 euros do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
O proxecto foi adxudicado á empresa de construción Antonio Pombo Quintáns por ser a que presentou a mellor oferta. Ademais do cambio de cuberta realizaranse outras pequenas melloras coas que se ganará amplitude nunha das aulas deste local social.
Esta antiga escola foi construída a principios dos anos 60 do século pasado, e no anterior mandato, executouse o cambio de toda a carpintería exterior.
Con estas obras, o Concello avanza na súa intención de que este edificio poida ser utilizado pola veciñanza para todo tipo de actividades nas mellores condicións.
A mellora da escola de Cangrallo súmase á reforma integral do edificio do antigo concello, convertido en centro cívico, e á reconstrución total da escola de Barro, que de ser un edificio en ruínas pasou a ser un moderno centro social.