Informe desfavorable do Concello de Caldas á instalación dunha planta de residuos na antiga canteira de Godos
Por Redacción
O proxecto para a instalación dunha planta de xestión e valorización de residuos nas parroquias de Saiar e de Godos atopouse co informe desfavorable por parte do Concello de Caldas de Reis.
A iniciativa pretendía crear esta infraestrutura nas instalacións da antiga canteira de Godos. O informe do aparellador municipal rexeita a creación desta planta destinada a tratamento de residuos procedentes da construción ante a consulta realizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dentro da tramitación para avaliar o impacto ambiental da planta.
O informe indica que a parcela onde se proxecta sería compartida cunha planta de fabricación de formigón no lugar da Revolta e atópase catalogada no PXOM como "solo urbanizable non delimitado".
Segundo o documento técnico nese solo non se admite como uso provisional o industrial, por este motivo seconsidera que a proposta que se formula non resulta conforme co plan municipal.
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis, afirma que o informe é moi claro e atendendo ao PXOM non se permite a continuidade do proxecto neste lugar. O informe xa se remitiu á Xunta de Galicia que é a administración competente para continuar co procedemento.
O Concello afirma que o terreo onde quere instalarse a planta pertence á Comunidade de Montes de Godos e aclara que este proceso tamén depende das cuestións que a entidade comunal poida ter conveniadas. Rey afirma que mentres os informes sexan desfavorables, o proxecto non poderá avanzar e asegura que "estaremos sempre á beira dos intereses veciñais e teremos sempre como prioridade o seu benestar así como a preservación dos valores ambientais".