Comeza o novo curso na Escola de Música de Barro
Por Redacción
Os máis de 50 alumnos e alumnas que neste momento están matriculados na Escola de Música de Barro poderán continuar a súa formación musical da man dun equipo docente formado por 15 profesores.
A escola iniciará o vindeiro día 1 de outubro un novo curso que estará marcado por un estrito protocolo que fará que as alumnas e alumnos poidan aprender a tocar un instrumento de forma segura.
A directiva da Asociación Cultura e Xuventude de Barro quere destacar o esforzo tanto dos profesores e profesoras como das familias dos alumnos, pois este novo curso supón un gran reto e un gran esforzo para todos e todas.
Pola súa banda, o director, Pedro Torres, manifestou que "este curso suporá un antes e un despois na historia desta escola, pois a pesares das circunstancias excepcionais nas que nos atopamos por mor da pandemia da COVID-19, a Escola de Música de Barro está a realizar un gran esforzo para manter a calidade da formación musical impartida".
Desta maneira, todo aquel que o desexe pode solicitar o seu ingreso na Escola de música de Barro poñéndose en contacto a través do teléfono 647769008 ou do correo electrónico xuvenilbarro@gmail.com.