Os bombeiros do Morrazo excarceran unha muller que caeu co seu coche por un terraplén en Bueu
Por Redacción
Unha muller resultou ferida a última hora do venres tras sufrir un aparatoso accidente de circulación en Bueu, concretamente no lugar de Bon de Abaixo.
Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o turismo que conducía saíu da vía caendo por un terraplén duns 3 metros.
O suceso tivo lugar pasadas as 21.00 horas da noite na estrada PO-315.
Tras recibir a alerta, o 112 solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero tamén dos Bombeiros do Morrazo, Policía Local e Garda Civil de Tráfico.
Os bombeiros tiveron que intervir para liberar á condutora, que quedara atrapada no vehículo, e unha vez excarcerada, foi evacuada ao centro médico de referencia.