O Grove sae de novo á rúa para defender os postos de traballo na conserveira Thenaisie Provote
Por Redacción & Cristina Saiz
O centro do Grove acolleu este domingo unha manifestación de apoio aos postos de traballo da conserveira Thenaisie Provote, que conta con centros na localidade e tamén en Mos.
A protesta prodúcese como colofón a unha semana na que o persoal completou tres das seis xornadas de folga convocadas, e que terán continuidade os días 22, 23 e 24 de setembro.
Tanto o persoal da conserveira como familiares, amigos e veciños reclamaron coa manifestación a intermediación da Xunta de Galicia na negociación coa empresa, que se atopa en concurso de acredores e con parte do plantel en ERTE.
A demanda do comité de empresa sindical, representado por CIG e CCOO, céntrase en conseguir un proxecto industrial que permita garantir a actividade desta empresa co mantemento dos actuais postos de traballo, para o que a intermediación da Xunta con posibles investidores pode resultar fundamental. Entenden tamén que sería importante evitar que a negociación a dirixa o actual propietario, o grupo romanés Scandia Food, xa que os sindicatos denunciaron con anterioridade a súa impresión de que este grupo internacional pretende boicotear a venda para levar á conserveira ao proceso de liquidación.
Ademais das xornadas de folga previstas para a próxima semana, o persoal de Thenaisie Provote ten previsto concentrarse o martes 22 en Vigo fronte á sede da Xunta e tamén ao bufete de avogados Garrigues vinculado aos actuais donos, mentres que o mércores desprazaranse ata Santiago de Compostela para levar a súa protesta ao Parlamento de Galicia.
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento a situación da conserveira Thenaisie
Por Redacción |
-
Seis días de folga na conserveira Thenaisie para forzar a implicación da Xunta na garantía dos empregos
Por Redacción |
-
Aumenta a presión sobre Scandia Food para que acepte a oferta de Alfonso Caneiro por Thenaisie Provoté
Por Oskar Viéitez |
-
Numerosa marcha no Grove en demanda dunha solución para a conserveira Thenaisie Provoté
Por Redacción |