Cuntis sancionará o abandono de voluminosos de xeito indebido
Por Redacción
O Concello de Cuntis vén detectando ao longo das últimas semanas un importante aumento do depósito de residuos e materiais voluminosos fóra das datas e lugares establecidos para a súa recollida.
Estas condutas incrementáronse especialmente tras o final do período de confinamento e son moi prexudiciais non só para a imaxe do municipio, senón tamén para o propio medio ambiente ao que chegan a producir importantes danos.
Por estes motivos, o Concello fai un chamamento ao civismo e á responsabilidade da veciñanza á hora de efectuar o depósito deste tipo de mercancías e avisa de que a Policía Local incrementará a vixilancia e aplicará sancións, de ser necesario, en base á Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente.
O Concello recorda que se ofrece de maneira totalmente gratuíta todos os últimos xoves de cada mes o servizo municipal para a retirada de materiais. Calquera persoa que desexe facer uso da prestación de recollida só ten que chamar ao teléfono 986 54 80 05 e pasarán a retirar o voluminoso para a súa posterior entrega ao punto limpo.
O Concello de Cuntis tamén lembra que cando se merca un colchón ou un electrodoméstico o propio vendedor ten a obriga de recoller o antigo e entregalo no centro de xestión autorizado. Por este servizo o consumidor paga unha taxa no momento da adquisición, pois non se poden converter as administracións locais nas únicas responsables deste cometido.
Coa finalidade de frear o aumento na proliferación de depósitos de voluminosos compostos por electrodomésticos, mobles e outros útiles domésticos, o Concello redactou un bando informativo que será entregado en todos os domicilios de Cuntis para a súa máxima difusión. "É responsabilidade de toda a cidadanía manter limpas e no mellor estado de salubridade as nosas contornas. De ningún modo se poden depositar na vía pública materiais voluminosos sen notificar aos servizos municipais para a súa recollida".