O servizo de socorrismo de Poio conclúe a tempada con 173 intervencións
Por Redacción
A tempada estival rematou en Poio coa finalización do servizo de vixilancia nas praias de Lourido e Xiorto (Raxó), que comezou a finais de xuño e e concluíu hai uns días. Durante este tempo, os socorristas levaron a cabo un total de 173 intervencións, 33 das cales tiveron lugar durante as primeiras semanas deste mes de setembro.
As altas temperaturas e o bo tempo rexistrados durante as dúas primeiras semanas animaron aos bañistas a gozar ata o último intre do verán dos areais. Así, en Xiorto se contabilizaron 19 incidencias e 14 en Cabeceira. As máis habituais foron por feridas de diferente consideración (14 en total), ás que hai que sumar dez picaduras de vespa (cinco en cada praia), cinco de fanecas e outras tantas tomas de tensión.
Neste tempo non se rexistrou ningunha incidencia grave, algo que resultou unha tónica durante boa parte do verán, a excepción de casos puntuais, como o rescate en Raxó dun bañista que sufriu unha indisposición mentres se atopaba na auga.
Cómpre lembrar que este ano o mes no que se rexistrou un maior número de incidencias foi xullo, con 96, unha cantidade sensiblemente superior á de agosto (56, un 41% menos). Esta baixada probablemente foi debido ao empeoramento das condicións meteorolóxicas nese mes, especialmente durante os últimos 15 días.
Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, foron seis os profesionais contratados pola Administración municipal para contar con este servizo en estas dúas praias, a través do sistema de concurso por quenda libre. Apostouse por incorporar a persoas en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados.
Conclúe así unha tempada estival nas praias que, como non podía ser doutro xeito, tamén estivo marcada polo contexto derivado da crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito, o Concello procedeu á instalación de paneis informativos nas praias aptas para o baño coas que conta Poio. Ademais, a Policía Local realizou roldas de vixías para velar polo cumprimento das medidas de distanciamento e aforo decretadas como medidas contra a expansión do virus. Dotouse, asemade, de xel desinfectante aos aseos públicos existentes nos areais de Lourido, Cabeceira, O Laño e Xiorto, así como nos aseos situados no porto de Combarro e que adoitan a ser utilizados polos bañistas da praia da Canteira.
Por outra banda, este ano Cabeceira revalidou a súa bandeira azul e, ademais, Poio obtivo unha mención especial por parte da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) polo labor desenvolvido polo Concello en materia de medio ambiente, a través de diferentes iniciativas e actividades.
Relacionadas:
-
Poio dá a benvida ao verán co izado da bandeira azul na praia de Cabeceira
Por Redacción |
-
Os socorristas de Xiorto e Cabeceira realizaron 56 intervencións en agosto
Por Redacción |
-
As picaduras de faneca 'pasan' das praias de Poio
Por Redacción |
-
Rescatan da auga a un home en apuros na praia de Xiorto
Por Redacción |
-
Esquece poñer o freo de man e o seu coche precipítase á praia
Por Oskar Viéitez |