Vilagarcía mellorará a rede de saneamento coa axuda de Parques Nacionais
Por Redacción
Os bombeos da Praza de Abasto 1 da Rúa Regueira serán os destinatarios das novas melloras que levará a cabo o Concello de Vilagarcía na rede de saneamento municipal grazas á subvención concedida a través de Parques Nacionais. Son algo máis de 15.200 euros que contribuirán a continuar mellorando a eficacia da rede de saneamento e a loitar contra os verquidos.
A subvención que vén de comunicar a Consellería de Medio Ambiente enmárcase na convocatoria de axudas financiadas polo Estado e que se conceden ás áreas de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas do que forman parte a illa de Cortegada e o arquipélago das Malveiras.
O proxecto que se financiará con estes cartos prevé a execución de tres actuacións de mellora na rede de sumidoiros e que veñen a completar outras realizadas con anterioridade con esta mesma finalidade. A primeira é a obra de modificación da entrada ao cestón de filtración de residuos sólidos e de mellora da maquinaria dun dos bombeos da zona da Praza de Abastos, na desembocadura do río do Con.
A segunda e a reforma da estación de bombeo de augas residuais da Rúa Regueira e a última é a construción doutros tres cestóns para colocar en puntos da rede de saneamento que soen rexistrar problemas de atascos debido á introdución de follaxe e tamén pola mala utilización da rede que fan moitos usuarios ao botar polos váteres e desaugues materiais e obxectos indebidos que obturan os colectores e avarían a maquinaria co conseguinte desbordamento das augas residuais.
COLABORACIÿN CIDADÁ
En calquera caso, on Concello insiste unha vez máis en facer un chamamento á cidadanía para que no desboten polo váter toalliñas hixiénicas de ningún tipo, nin outro tipo de materiais que non se desfán e que son os reponsables da maioría dos atascos e avarías que se producen na rede de saneamento.