O Concello convocará un concurso internacional de ideas para "liberar" o tramo soterrado do río dos Gafos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes anunciou a convocatoria dun concurso internacional de ideas para "liberar" o tramo soterrado do río dos Gafos.
Será a finais deste ano 2020 e os profesionais que se presenten terán que achegar propostas, alternativas e solucións concretas para resolver unha serie de necesidades que se expoñen desde o Concello de Pontevedra e que foron definidas no anteproxecto desta iniciativa.
Entre outras necesidades exponse "que queden completamente operativos e seguros os accesos aos colexios próximos ao río" ou que se garanta ou mesmo mellore a operativa urbana e "que Campolongo poida incrementar o seu protagonismo no conxunto da cidade".
Deste concurso de ideas sairá o proxecto de obra que dará forma definicita ao novo río dos Gafos e a todo o parque e a zona verde de ribeira.
Seleccionarase a proposta máis interesante para revalorizar esta área "que forma parte do corazón de Pontevedra".
Ivan Puentes explicou que se trata dun plan para "renaturalizar e dignificar" a área do río dos Gafos para "darlle o valor que merece e gañalo para a paisaxe urbana" así como para o lecer da cidadanía.
Despois da recuperación do parque fluvial entre a estación de autobuses e Campolongo, o goberno local considera que chegou a quenda "aos dous segmentos máis maltratados" o que hoxe circula por unha caixa de formigón de 7x3 metros, e o que se abre paso entre as torres residenciais situadas entre a Ponte da Tablada e o mar.
A Concellería de Desenvolvemento Sostible xa encargou un primeiro estudo técnico para repasar as actividades urbanas que se desenvolven preto do río.
Neste documento técnico tivéronse en conta múltiples aspectos que conflúen en toda a zona: os colexios Campolongo e Crespo Rivas, os edificios da Xunta e Facenda, o centro deportivo Campolongo, a igrexa, a residencia de maiores, ás persoas con discapacidade, ás que teñen dificultades de visión, os usuarios da vía que vai á Brilat ou ao centro da ONCE, as que utilizan María Victoria Moreno para ir a outras zonas da cidade, os fluxos de Iglesias Vilarelle e Alcalde Hevia. Tamén á hosteleria, o comercio e as necesidades dos veciños de toda esta ampla zona urbana.
- 1. Entre a Ponte Nova e Rosalía de Castro
- 2. Entre Rosalía de Castro e Xeneral Rubín
- 3. Entre Xeneral Rubín e Alcalde Hevia
- 4. Entre Alcalde Hevia e a avenida de Vigo
1. Entre a Ponte Nova e Rosalía de Castro
É o máis próximo á desembocadura do río. Esta zona desenvólvese nun contorno urbano, aínda que de baixa densidade edificatoria.
O equipo redactor do estudo previo salienta que nel se identifican unha serie de edificacións do século XIX que conforman un conxunto etnográfico de certo interese.
Isto, unido ao nivel medio de antropización do río, permite que a recuperación desta zona se acometa baseándose en pequenas intervencións de consolidación das edificacións existentes.
O tratamento das medianeiras e das concas visuais cara estas serán fundamentais.
Resólvese o acceso a diferente cota coa rúa Rosalía de Castro.
Dentro dos traballos de posta en valor desta zona tívose en conta a historia do lugar e o seu ‘genius loci’, o que permite actuar con certo soporte intelectual para a posta en valor do tramo.
2. Entre Rosalía de Castro e Xeneral Rubín
Este tramo de río discorre completamente confinado entre edificacións. Algunhas delas non seguiron a aliñación do último PXOM, o que xera que estas invadan o xa de por si escaso espazo para o paso da lámina de auga.
Esta complexa zona require dunha reinterpretación da relación entre o río e a cidade para permitir, na medida do posible, a súa posta en valor, mellorando ao mesmo tempo a salubridade dalgúns focos actualmente marxinais.
Como parte central desta actuación, mellorarase e integrarase a zona verde anexa ás fachadas posteriores dos números 6 e 8 da Rúa da Tablada.
3. Entre Xeneral Rubín e Alcalde Hevia
Este treito correspóndese co actual entubamento do río, polo que nel daranse as seguintes situacións a contemplar no seu destape:
- Unha zona que se corresponde cos centros escolares da zona, na que se propón un paso sobre o río para garantir a continuidade peonil nos seus accesos.
- Outra que se corresponde coa Praza da Constitución, para a que se propón a súa incorporación ao sistema do río mediante o tratamento dos sus espazos e o mantemento dos itinerarios peonís, así como das zonas de reunión. Nesta área de encontro social deberá contemplar a multiplicación dos seus usos para garantir unha serie de actividades para todo tipo de franxas de idade, asegurando así o seu emprego intensivo durante todo o ano.
- Unha zona de transición entre a Praza da Constitución o treito do río que discorre augas arriba de Alcalde Hevia, cuxa topografía conforma unha sección interesante como área de paso e estancial.
- Unha ponte que ten a dobre función de dar continuidade ao tráfico rodado da rúa Antonio Taboada e de permitir a comunicación peonil entre ámbalas marxes do río desentubado.
- A actual ponte que marca o inicio do tramo entubado. Proponse a súa substitución para asegurar un bo comportamento hidráulico do mesmo.
4. Entre Alcalde Hevia e a avenida de Vigo
Tramo sobre o que xa se actuou e que é o menos alterado polo ser humano dentro do contorno máis urbano. O estudo técnico sinala que nel preséntanse deficiencias de tipo paisaxístico, como a falta de integración das medianeiras ou fachadas posteriores que se volcan cara o río. Polo demais, a intervención neste segmento debe ser mínima.
Un punto importante (como en toda a actuación) sería a retirada e soterramento ou reubicación dos sistemas de saneamento que discorren en paralelo á marxe do río. Ademais disto, débense consolidar os noiros laterais en terra ou pedra para evitar corrementos sobre o leito do río, como xa se observa agora mesmo nalgúns puntos.
Neste treito distínguense un par de puntos a ter en conta:
- Un xardín existente, agora mesmo confinado por unha tapia, que se propón integrar no sistema do río. Débense respectar as especies arbóreas existentes, así como o hórreo.
- Unha área verde augas arriba da Ponte Boleira, na que se atopa un antigo muíño en estado ruinoso e unha ampla explanada sobre a que se deberían acometer pequenas actuacións para consolidala respecto ao seu contorno inmediato, deixando así de ser unha peza solta dentro do trazado da lámina de auga.
Para o equipo redactor do estudo previo tamén sería interesante propoñer ás autoridades competentes a reubicación do centro Avelino Montero, situado en terreos de Dominio Público Hidráulico que presentan unha baixa calidade para seren habitados dada a súa elevada humidade e escasa entrada de sol. Deste xeito, esa parcela poderá integrarse no
sistema de zonas verdes asociadas ao río dos Gafos.
Relacionadas:
-
As obras para liberar o río dos Gafos empezarán este ano
Por Redacción |
-
Sendas de formigón e madeira para facilitar o acceso dos escolares de Campolongo
Por Redacción |
-
Membros do Ministerio de Transporte e da Comisión Europea analizarán no Principal os fondos económicos para a mobilidade
Por Redacción |
-
Peche indefinido do paseo do Gafos en Campolongo por risco de derrubamento
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O PP apoia o proxecto para destapar o tramo urbano do río Gafos: é unha "grandísima idea"
Por Natalia Puga |
-
A auga do río Gafos semella chocolate por culpa dos arrastres de terra
Por Oskar Viéitez |