A mesa do viño Rías Baixas alcanza un acordo para a vendima que arrancará o 25 de setembro
Por Oskar Viéitez
A Mesa do Viño alcanzou un acordo de prezos para a uva da Denominación de Orixe Rías Baixas que se pagará como referencia a un euro o quilo. Este valor estará vinculado, entre outros factores, á produción da Denominación. "Todo o mundo é consciente do delicado momento económico, e ante a posibilidade dun mercado libre que faga tirar os prezos polo chan, acordouse apretar o cinto", explicaron os representantes do Sindicato Labrego Galego.
Ademais na Mesa do Viño puxéronse as bases para traballar no futuro, acordándose a convocatoria da próxima mesa do viño no mes de febreiro e a realización dun estudo de custos para poder estabilizar os prezos.
A Denominación de Orixe Rías Baixas prevé que a colleita 2013 sexa abundante e que o rendemento medio por hectárea para a variedade albariño estea entorno a 8.000 kg por hectárea. Os informes técnicos, elaborados polo ÿrgano de Control e Certificación da Denominación, resaltan que nos encontramos ante unha futura colleita na que o estado sanitario da uva é moi bo.
As previsións de vendima apuntan a que este ano se atrasará unha semana con respecto a unha colleita normal na D.O. Rías Baixas, así que se espera que a vendima se inicie na subzona do Condado do Tea e O Rosal entorno ao 20 de setembro e no Salnés a partir do 25 do mesmo mes.
Neste momento, o froito encóntrase no envero, tamén coñecida como fase de maduración, que este ano se está a producir con certa "irregularidade".
Os documentos técnicos destacan que "a primavera chuviosa e fría non afectou moito sanitariamente á uva e, aínda que as chuvias primaverais propiciaron o corremento en flor, este se viu compensado coa fertilidade alta". Neste sentido, o informe non destaca grandes perdas, máis ben entorno a un 20%, senón máis ben irregulares; tamén se manifesta no referente ás pragas, "aínda que hai que seguir pendentes posibles ataques de mera e oidio, así como realizar algún tratamento antibotrítico, o certo é que este ano non houbo problemas de pragas significativos ata o momento na denominación".
Para conseguir que a uva alcance a calidade desexada, tanto para os bodegueiros coma para os viticultores da D.O. Rías Baixas, é necesario que prosiga o bo tempo para que a uva poida rematar convenientemente a fase de maduración e se encontre no estado desexado durante a vendima.
Rendementos normais segundo regulamento: Albariño: 12.000 kg/ten. Outras brancas: 12.500 Kg/ten. Tintas: 10.000 kg/ten.
Relacionadas:
-
A D.O. Rías Baixas agarda comercializar máis de 20 millóns de litros coa colleita deste ano
Por Redacción |
-
Unións Agrarias critica a implantación do modelo 'Falcón Crest' na viticultura das Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
Unións Agrarias critica o acordo de prezos da mesa do viño por ser "unha imposición das adegas"
Por Oskar Viéitez |