Vilagarcía entra no listado de concellos con restriccións especiais pola pandemia da Covid-19
Por Manu Otero
O Sergas comunicou este mércores ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que o termo municipal quedará, a partir das 12 horas desta noite, suxeito a novas restricións para controlar a pandemia da Covid-19. Aínda que a cidade arousá presenta uns datos menos preocupantes que outros municipios da contorna, o obxectivo das autoridades sanitarias é evitar o incremento de casos.
O rexedor, que aínda está á espera de coñecer en profundidade cales serán esas restricións especiais, comparecerá este xoves para explicar as medidas que adoptará o goberno local despois do encontro previsto co conselleiro de Sanidade e os alcaldes de Pontevedra, Marín, Vilaboa e Poio.
Ante esta nova situación, Varela fai un chamamento á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía tanto no ámbito laboral como persoal para evitar novos contagios.
Unha das particularidades que ten formar parte desta listaxe de especial vixilancia é que o Sergas ofrece a diario e segregados por concellos os datos de novos positivos e curados. Así, Pontevedra presenta este martes 18 novos positivos, o que sitúa a cifra nun total de 366. Marín, pola súa parte, rexistra un total de 60 casos activos. Un aumento que o Concello achaca ao incremento do número de probas PCR realizadas e ao seguimento dos contactos estreitos dos contaxiados.
Polo incremento de positivos, o Sergas manterá as restricións especiais en Marín polo menos unha semana máis e a alcaldesa María Ramallo insiste na súa petición á cidadanía de ser estrictos no cumprimento das normas para superar esta situación no menor tempo posible. Mentres tanto, o Concello mantén pechados os locais municipais e reducidos os aforos da Biblioteca, a aula Cemit, o Museo Torres e tamén reduce á metade o número de postos do mercadillo. De forma paralela, intensificaron os labores de limpeza naqueles puntos de maior afluencia da poboación no municipio.
Poio é outro dos concellos con restricións especiais e presenta este mércores 53 casos activos. Ademais hai outros 107 veciños que permanencen en seguimento diario ao tratarse de contactos estreitos de positivos.
Co obxectivo de dobregar a curva de contagios, o goberno local implantou unha serie de medidas consistentes nunha comunicación constante cos responsables dos centros de saúde, incremento dos traballos de desinfección, atención a veciños que precisen axuda para auxiliar a persoas infectadas ou maiores ou o aumento da vixilancia por parte da Policía Local para velar polo cumprimento das restricións.
O Concello enviou ao Sergas unha listaxe dos traballadores da hostalería para que participen tamén na campaña de cribado que se está realizando entre os profesionais deste sector.
Vilaboa é outro dos municipios incluídos nesta listaxe e presenta actualmente 21 casos activos, ademais doutras corenta persoas en seguimento. As medidas implementadas polo Concello para frear o avance da enfermidade inclúen traballos de limpeza e desinfección nos puntos de maior afluencia de veciños.
Relacionadas:
-
A Xunta recoñece que o brote de COVID en Pontevedra "non está baixo control"
Por Diego Espiño |
-
Unha escalada que non cesa: medio centenar de novos positivos de COVID na área sanitaria e 737 casos activos
Por Diego Espiño |
-
A Boa Vila segue medrando en número de contaxiados mentras remite nos concellos veciños
Por Oskar Viéitez |