A asociación de técnicos sanitarios cualifica de "temeridade" a instalación de bolardos fixos en Raíña Vitoria
Por Diego Espiño
A Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias (ASGATE) emitiu este xoves un comunicado criticando a instalación de bolardos fixos na Avenida Raíña Vitoria de Pontevedra, recentemente cortada ao tráfico rodado para favorecer o espazo de entrada e saída do Instituto Sánchez Cantón.
Desde ASGATE aseguran que non se opoñen ao corte da rúa, pero denuncian a "pouca previsión e temeridade" que supón ao seu xuízo a instalación de elementos fixos.
Estes bolardos, sinalan, impedirían a entrada de vehículos de emerxencia dos bombeiros ou ambulancias ata a entrada principal do instituto, o mellor dos accesos na caso de necesidade ao entender que o da rúa Palamios en ocasións atópase bloqueado por turismos mal aparcados.
Trátase de "outra mostra da pouca sensibilidade e descoñecemento que se ten co tema das posibles emerxencias por parte dos responsables municipais", critica a asociación.
Para eles unha posible solución podería ser a instalación de bolardos hidráulicos cunha cámara que se puidese abrir rapidamente no caso de emerxencia permitindo o paso dos profesionais sen perda de tempo.