A defensa de Representaciones Lito asegura que era un mero comisionista das orquestras
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra retomou este xoves o xuízo coa declaración de Javier Arca Casal, como representante legal de Representaciones Lito SL, empresa da que Ángel Martínez Pérez "Lito" ten o 51 % das accións.
Arca Casal só quixo responder as preguntas que lle formulou a avogada que exerce a súa defensa que centrou o seu interrogatorio na relación existente entre as comisións de festas e os músicos das orquestras que actuaban nas festas do pobo.
Javier Arca Casal, tras precisar que "eu era un mero traballador, un administrativo, non era ningún cargo de relevancia" en Representaciones Lito, explicou que a empresa actuaba como "intermediario" e "comisionista" mentres que a relación entre as comisións de festa e as orquestra era de empregadores dos mesmos, de tal forma que esta relación laboral convertería o que perciben por actuación nun salario e non se estaría suxeita a IVE. "As orquestras non emitían facturas porque eran traballadores contratados pola comisión de festas", explicou diante do tribunal.
Igualmente desvinculou a Representaciones Lito do labor que executaban os chamados "axentes de zona" aos que se referiu como profesionais independentes.
Neste mesmo sentido relataron a súa experiencia dous axentes de zona que operaban en Lugo e Ourense. Ambos compareceron nesta vista explicando que as súas comisións eran do 10% que lle cobraban á orquestra e tamén aseguraron que non traballaban en exclusiva con ninguén.
Tamén compareceu en condición de testemuña o inspector da Axencia Tributaria, José Antonio Delgado Arce, responsable da investigación que levou a cabo en 2013 nas oficinas de Representaciones Lito para comprobar a actividade "do conxunto de empresas" de Espectáculos Lito.
O avogado Carlos Seoane, que defende os intereses de Ángel Martínez, centrou o seu interrogatorio a esta testemuña en tratar de invalidar as probas obtidas. Así destacou que naquela inspección non se fixo discriminación do material por anos nin empresas, a pesar de que o auto xudicial requiría o período de 2009 a 2012. Este letrado chamou a atención do tribunal sobre a falta de probas sobre a notificación do rexistro, e que tampouco houbo secretario do xulgado presente nin se precintaron as probas.
A Fiscalía sinala que a empresa movía a unhas 70 orquestras (calcúlase que o 60% do sector) e a uns 50 axentes de zona por toda Galicia tan só tributaba polo volume de negocio resultante da contratación con entes públicos e empresas privadas, mentres "permanecía oculta para Facenda o groso da súa cifra de negocio", uns 25 millóns de euros cada ano.
O xuízo reanudarase o luns 28 de setembro ás 10.30 horas coas declaracións dos peritos.
Relacionadas:
-
O estado de saúde de 'Lito', o 'rei das orquestras', obriga a suspender un novo xuízo
Por Natalia Puga |
-
De 12 anos de cárcere a só dous e tres meses: así se reduce a condena de 'Lito', o rei das orquestras, por fraude fiscal
Por Natalia Puga |
-
A defensa pide a libre absolución do "rei das orquestras" e sinala que o proceso xudicial na súa contra supuxo a súa "morte civil"
Por Oskar Viéitez |
-
A defensa cualifica de "absolutamente inverosímiles" as cantidades que Facenda imputa a Lito
Por Oskar Viéitez |
-
O tribunal determina que Lito, o rei das orquestras, está en condicións de ser xulgado e el négase a declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A capacidade mental do 'rei das orquestras' condiciona todos os procesos xudiciais abertos contra el
Por Oskar Viéitez |