Seguen as restricións na comarca diante do avance incesante da transmisión comunitaria
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Comité de expertos sanitarios do Executivo autonómico decidiu prolongar unha semana máis as restricións impostas nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín, debido a que "o brote segue tendo características de alto/medio risco".
Ditas limitacións, que este mércores tamén se fixeron extensivas ao concello de Vilagarcía de Arousa, serán revisadas por Sanidade dentro de sete días en función da evolución da pandemia.
Así llo comunicaron este xoves aos alcaldes dos concellos afectados nunha reunión por videoconferencia.
O Concello de Pontevedra mantén 366 casos positivos de Covid, segundo a información facilitada esta mañá polo Complexo Hospitalario de Pontevedra ao Concello.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu ao Sergas a posibilidade de volver empregar o Recinto Feiral para realizar as probas PCR unha vez que se encara a fase final das oposicións que se están a celebrar nestas instalacións.
Sanxenxo conta nestes momentos con 29 casos activos por Covid 19, tres menos que o pasado martes.
A día de hoxe en Marín hai 53 casos activos, sete menos que o mércores, cun seguimento por parte dos servizos sanitarios a 69 persoas.
En Poio son 59 casos activos, oito máis que o mércores, e 105 en seguimento.
En Vilaboa, segundo a información facilitada ao Concello, hai este xoves 22 casos activos e outros 35 veciños da localidade están en seguimento.