Un brote nunha avícola de Cambados suma 96 positivos por Covid-19
Por Natalia Puga
Unha empresa avícola situada en Cambados ten nestes momentos o brote de coronavirus máis importante dos confirmados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia da Covid-19. Trátase de Avícola de Galicia, que tamén ten sede na parroquia pontevedresa de Campañó, e suma un total de 96 positivos.
Segundo a información confirmada polo servizo de Epidemioloxía da área sanitaria, estes 96 casos activos están confirmados e nestes momentos están a efectuarse PCR’ s aos traballadores da empresa e aos seus contactos estreitos.
Ata o momento, efectuáronse 173 probas e confirmáronse eses 96 positivos. Están á espera de máis resultados.
Tras saír á luz a existencia deste brote, desde a propia avícola quixeron ser transparentes e recoñecer a incidencia da Covid-19 na empresa.
Segundo indican, a maior parte deses 96 positivos detectados son asintomáticos ou pacientes con síntomas moi leves. O brote comezou hai xa días, pero seguen sumándose novos contaxios a diario, varios deles este mesmo xoves.
Este brote en Cambados non afecta á actividade da empresa na súa sede de Campañó, onde operan con "total normalidade". Ademais, indican que nestes momentos non se detectou ningún brote de Covid-19 nesas instalacións.
A planta de Cambados empezou a traballar o pasado 17 de agosto, hai pouco máis dun mes, e, antes da súa apertura, fixeron tests masivos ao persoal. Ademais, tiñan previsto realizar máis transcorridas estas primeiras semanas, pero xa non os farán unha vez constado este número elevado de contaxios.
Unha vez que constataron o brote, segundo indican fontes da empresa, priorizaron a saúde dos traballadores e baixaron a produción "de forma drástica" para intensificar o distanciamento social dentro da planta.
"A saúde é o primeiro", insisten desde Avícola de Galicia, e engaden que rebaixaron a produción da planta de Cambados máis dun 60% "co obxectivo de romper calquera posible cadea de transmisión entre os profesionais da planta".
A empresa asegura que cumpriu con todos os protocolos Covid-19 desde semanas antes de ser declarado o estado de alarma e, actualmente, na planta de Cambados extremáronse aínda máis eses protocolos Covid-19. Ademais, están a colaborar diariamente co Servizo Galego de Saúde para poder normalizar a situación canto antes.
A empresa insiste en que a loita contra a Covid-19 foi unha prioridade non só no ámbito laboral senón tamén no social. Como exemplo desa filosofía, a compañía anunciou o pasado mes de xuño a doazón de 7 toneladas de polo a Cáritas en quendas de 900 quilos cada final de mes ata finais de ano.