Moraña inicia un Plan de Acción Climática

Por Redacción
O Concello de Moraña vai iniciar de inmediato a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) que determinará a actual situación do municipio nesta área e co que se pretenden artellar diversas medidas que permitan reducir as emisións de CO2 e a contaminación en xeral cara o horizonte do ano 2030, que é o exercicio fixado pola axenda europea para comezar a acadar unha mitigación real dos seus efectos sobre a atmósfera.
O Concello vai encargar de inmediato a redacción deste documento co obxectivo de telo rematado a finais do mes de novembro despois de acadar o financiamento necesario a través dunha axuda de 4.000 euros, en concepto de asistencia técnica, por parte da Consellería de Medio Ambiente ao abeiro dunha orde orientada aos territorios adheridos ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía Sostible, ao que Moraña se sumou hai once meses.
O documento vai recoller, entre outras cuestións, un inventario de emisións, un plan de medidas de mitigación da contaminación, que comezarán polos edificios e equipamentos públicos, ou os riscos e vulnerabilidades de Moraña no eido climático para a súa posterior aprobación en pleno, notificación á oficina europea e posta en marcha dende o vindeiro ano 2021. Cómpre sinalar que no proxecto tamén se recollerá a situación dos Residuos Sólidos Urbáns (RSU), das augas residuais e da produción das enerxías renovables, xa que se pretende establecer unha estratexia global na defensa do clima.
Así mesmo, vaise implicar a toda a sociedade no desenvolvemento de todas estas medidas a través de accións de concienciación coa veciñanza, as asociacións, os empresarios e os centros educativos co obxectivo de contribuír de xeito conxunto ao coidado do planeta e á preservación do medio ambiente.