A concelleira de Benestar visitará aos matrimonios de Poio que celebren as vodas de ouro
Por Redacción
Un ano máis, a Concellería de Benestar Social e Mocidade renderá homenaxe a aqueles matrimonios do municipio que celebren as súas vodas de ouro. Iso si, a situación actual derivada da pandemia da Covid-19 obrigará a modificar o tradicional evento.
Ata o de agora, logo de localizar ás familias que cumpren cos requisitos (ben que se casaran en Poio hai 50 anos ou que leven ese tempo casados e vivindo no concello durante moitos anos), o Concello celebraba un acto conmemorativo na Casa Rosada, ao que asistían, ademais dos membros da Corporación, tanto os homenaxeados como os seus familiares e achegados.
"Nesta ocasión vémonos na obriga de non celebrar este encontro presencial, pero non imos renunciar a realizar un recoñecemento a todas as familias de Poio que fixeron do seu amor a bandeira da súa vida", asegura a concelleira de Benestar Social, Rosa Fernández.
Será a propia edil a que se desprazará ata os domicilios destes matrimonios para facer entrega do habitual diploma e da placa conmemorativa que se lles vén entregando ás parellas desde a primeira edición desta iniciativa, que data de 1993.
A entrega nesta edición se realizará a máis de 30 familias que se casaron en Poio en 1970.
A concelleira socialista fai un chamamento a todos os veciños que leven vivindo moitos anos en Poio e tamén se casaran nesta data noutro concello. Para poder recibir este recoñecemento deberán poñerse en contacto coa Casa Rosada antes do vindeiro 5 de outubro, a través do teléfono 986872401.