O Grove reclama que a Xunta interveña para "solucionar os graves problemas de transporte escolar"
Por Redacción
O Concello do Grove pide explicacións para que a Xunta de Galicia asuma responsabilidades polo "mal funcionamento do transporte escolar na localidade".
Segundo explicaron dende o Concello, "trátase dun problema que vén de moito tempo atrás e que segue sen solucionarse", por iso remitiron unha carta aos responsables de Transportes e ao conselleiro de Educación da Xunta de Galicia para reclamar un bo servizo.
"Son os colexios da localidade os que teñen que modificar os seus horarios para se adaptaren ao transporte escolar, feito que non ten ningún sentido, xa que o prioritario ten que ser a educación e a pesar diso o servizo segue a ser precario", indican.
De feito, "estanse cubrindo as liñas dos tres centros escolares que precisan transporte escolar e dos dous institutos practicamente co mesmo transporte, que dobra e mesmo triplica os percorridos". Neste contexto, "os atrasos e as demoras no servizo son recorrentes".
"A liña do CEIP Conmeniño chega tarde sistematicamente todas as mañás e chega a acumular ata 15 minutos de atraso. Unha das liñas do instituto do Monte da Vila tamén ten esa mesma demora na chegada, e no servizo de recollida dos venres a rapazada da zona de Terra de Porto acaba optando por non agardar polo autobús, xa que pode demorar ata 20 minutos sobre o horario previsto". No referido ao colexio Valle-Inclán o Concello explica que xa teñen un horario pouco frecuente por adaptarse ao transporte escolar (entran ás 9.40 e saen ás 14.40 h), e os están recollendo ás 15.00 horas.
É por iso, que dende as propias direccións dos centros, as ANPA e o propio Concello do Grove queren manifestar o seu descontento por esta falta de respecto aos centros educativos e ao estudantado do Grove e solicítanlle á Xunta de Galicia que solucione este problema e que se lle esixa á empresa concesionaria que poña as liñas, o persoal e os transportes suficientes para dar un servizo adecuado. Tal e como indican, "este é un problema que se repite curso tras curso, mais este ano se cabe é aínda máis grave, xa que se trata de conseguir unha saída gradual de cada centro para garantir medidas de seguridade pola pandemia".
Desta maneira, os rapaces e as rapazas saen dos centros por idades e agardan en distintas zonas do patio para a saída, partindo de que non deben pasar máis que uns minutos nesa área, pero "xa nesta semana puidemos comprobar como algúns tiveron que estar agardando máis de trinta minutos. É urxente que se arranxe este problema e que se preste o servizo requirido", conclúen.