Excarceran un condutor ferido atrapado no interior do seu vehículo en Moraña
Por Redacción
Unha persoa resultou ferida e tivo que ser trasladada a un centro hospitalario tras sufrir un grave accidente na estrada de Cuntis a Moraña na noite deste venres.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse sobre as 22.45 horas á altura de O Cerralleiro, no lugar do Souto, en Moraña.
O 112 recibiu o aviso dos servizos sanitarios, que comunicaron que se desprazaban ao lugar do accidente e tiveran coñecemento de que unha persoa quedara atrapada no interior do vehículo que conducía e indicaban que, posiblemente, fosen necesarios os medios de excarceración.
O 112 enviou ao lugar aos Bombeiros do Salnés e aos membros do GES e de Protección Civil da Estrada, así como aos axentes de Tráfico e a efectivos de Protección Civil de Moraña e de Cuntis.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración do condutor do vehículo e que o persoal sanitario procedera ao seu traslado ata o centro hospitalario de referencia.