Deteñen un home por golpear reiteradamente á súa parella embarazada
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo na madrugada do pasado venres un home por un delito de violencia de xénero por supostamente agredir de xeito reiterado á súa parella, que está embarazada en avanzado estado de xestación.
Segundo a información oficial facilitada pola Policía Local, os feitos tiveron lugar nunha vivenda situada nun edificio do centro de Pontevedra e este caso de violencia machista puido descubrirse grazas á colaboración veciñal, tan importante para coñecer delitos que habitualmente se producen no ámbito privado.
Nesta ocasión, a Policía Local recibiu a chamada dun veciño do mesmo edificio que indicou que estaba a escoitar berros dunha muller que parecían corresponderse cunha agresión.
Os axentes trasladáronse ata o citado domicilio e entrevistáronse coa vítima, que confirmou a agresión. Relatou, ademais, que non era a primeira vez que o detido a agredía.
A vítima presentaba diversas feridas visibles na cara e nunha man presuntamente causadas polos golpes e atopábase en estado de nerviosismo, polo que se pediu a colaboración dunha ambulancia para o seu traslado ao Hospital Provincial para recibir atención sanitaria.
Segundo o relato da vítima, primeiro tirouna na cama e logo golpeouna reiteradamente no chan suxeitándoa cun xeonllo para que non puidese incorporarse. A agresión continuou case ata a chegada dos axentes.
Os axentes procederon á detención do presunto agresor e o seu traslado á Comisaría Provincial da Policía Nacional.