Varios cidadáns alertan a Policía ao ver un home agredir unha muller en plena rúa
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo a mediodía do domingo un veciño da cidade de 33 anos como presunto autor dun delito de violencia de xénero por presuntamente agredir a súa parella sentimental en plena rúa.
Os feitos aconteceron sobre as 13.20 horas do domingo na rúa Tesoira, no ámbito de 12 de Novembro, e teñen varias testemuñas presenciais, veciños que observaron como o home supostamente pegou a muller e chamaron a Policía.
Segundo indicaron fontes policiais, varios cidadáns deron a voz de alarma e unha patrulla policial desprazouse ao lugar dos feitos. Ao chegar, a muller, de 37 anos, recoñeceu que ía acompañada da súa parella e que instantes antes el lle dera unha labazada na cara.
Os axentes observaron que a muller tiña a marca dunha man na cara e solicitaron a presenza na zona dunha ambulancia do 061, que prestou asistencia e levantou parte médico de que a muller presentaba sinais de ter sido agredida. A continuación, o home foi detido.