O PP pide á Deputación que reforce o persoal de Príncipe Felipe e mellore a seguridade no centro ante a Covid-19
Por Redacción
O grupo provincial do PP dirixiuse este domingo á Deputación de Pontevedra para pedirlle que "sen máis dilación", poñan todos os esforzos e recursos para garantir a máxima seguridade e prevención dos menores e traballadores dos tres centros da Cidade Infantil Príncipe Felipe, dependentes da institución provincial.
Jorge Cubela, como voceiro do grupo, amosou a través dun comunicado a súa sorpresa pola situación denunciada nos últimos días por traballadores e sindicatos e considera "urxente" que a Deputación proceda a reforzar o persoal do centro.
Ademais, demanda ao Goberno que preside Carmela Silva que consensúe cos traballadores os protocolos de actuación e amplíe a limpeza nos tres centros, pois asegura que está sendo exactamente o mesmo servizo que antes da pandemia, o que pon en risco tanto aos menores como ao persoal. Así, segundo critica, non hai máis desinfección no centro que unha limpeza diaria, nin nas duchas, nin nas habitacións, nin tampouco nos despachos.
"A Deputación de Pontevedra debe poñer enriba da mesa todas as medidas para facer seguro o Príncipe Felipe", demandou Cubela.
Esta demanda de Cubela é resposta a un escrito dos traballadores no que denuncian, entre outras cuestións que en ningún momento se tivo en conta a opinión do persoal educativa para tomar decisións fundamentais, e por iso, por exemplo, as unidades burbulla que deseñaron son irreais, ou a creación de unidades de illamento no que o persoal educativo está asumindo o coidado dos nenos, en lugar de ser o persoal sanitario.
Cubela tamén criticou este domingo que no Pleno da Corporación celebrado o pasado venres Carmela Silva atacase aos educadores, ao dicir que o problema que había en Príncipe Felipe era que non querían atender aos nenos, “cando o único que piden son máis medios, protocolos e que haxa sanitarios alí, que eles non o son”.
Relacionadas:
-
Máis dun millón de euros investirá a Deputación na reforma do CEIP Daría González no Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |
-
Os educadores do Príncipe Felipe protestan contra o protocolo que lle impón funcións sanitarias
Por Redacción |
-
As PCR practicadas aos traballadores de Príncipe Felipe que estiveron en contacto cun menor infectado dan negativo
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras protesta polos contaxios en Príncipe Felipe e a Deputación sae en defensa dos dereitos dos menores
Por Redacción |
-
Un menor do Príncipe Felipe permanece en illamento tras dar positivo nas probas de Covid
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada