O sol regresa ás Rías Baixas polo 'veraniño de San Miguel'
Por Natalia Puga
O sol regresa esta semana ás Rías Baixas coincidindo co coñecido como 'veraniño de San Miguel', episodios de bo tempo que adoitan darse durante o 29 de setembro, día de San Miguel. Este ano, cae en martes e é xusto o día que máis sol se agarda en toda a semana. En todo caso, será una visita fugaz, pois a partir do mércores desaparecerá de novo detrás das nubes.
Segundo a predición de Meteogalicia, Galicia queda xa este luns baixo influencia anticiclónica e agárdase unha xornada de ceos pouco nubrados ou despexados, con algúns intervalos de nubes altas. As temperaturas mínimas tiveron un moderado descenso, mentres que as máximas continuarán sen cambios ou con lixeiros ascensos. En Pontevedra, agárdanse temperaturas máximas de 25 graos e mínimas de 9.
De cara ao martes, as Rías Baixas, ao igual que todo Galicia, continuarán na influencia das altas presións, con entrada de aire cálido, polo que se agarda unha xornada de ceos pouco nubrados ou despexados.
Xusto o día de San Miguel as temperaturas experimentarán un ascenso entre lixeiro e moderado. O vento soprará moi frouxo de compoñente norte. En Pontevedra os termómetros poderán chegar, de novo, aos 25 graos e as temperaturas mínimas serán un pouco superiores a este luns, 12 graos.
Xa a partir do mércores, chegará unha fronte fría. Durante o día agárdanse ceos parcialmente cubertos con nubes de tipo medio e alto e á noite chegarán as nubes baixas e as primeiras chuvias.
As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso, que en Pontevedra deixará unhas máximas de 21 graos.
E o simulacro de verán rematará aí, no mércores, pois a partir do xoves Galicia queda na influencia das borrascas atlánticas, con entrada sucesiva de frontes desde o Atlántico. A probabilidade de precipitación será alta en xeral, cun progresivo descenso das temperaturas.