Nesta edición de Mentres isto dure, mírase ao xornalismo e ao dereito ao acceso á información das administracións. Ao exercicio dunha profesión que non parou a súa actividade desde o momento en que se iniciou o estado de alarma. "Hai que poñer en valor a capacidade de adaptación do xornalismo en todo o mundo", sinala Ana González Liste, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
A actividade xornalística tampouco é allea á corrente que leva a deríva económica provocada pola COVID19, "está a facerse un gran esforzo para seguir informando nunha situación moito máis precaria que antes", incide e lembra que xa no mes de abril o Ministerio de Traballo falaba de máis de 25.000 profesionais afectados por expedientes de regulación temporal de emprego.
Prodúcese unha situación paradoxal, reflexiona, xa que aínda que hai unha redución considerable da publicidade - e por tanto de ingresos-, hai tamén aumento de audiencias porque o cidadán reclama máis información: "o xornalismo é agora máis necesario que nunca, necesitamos máis contexto, máis datos ben explicados e máis precaución ante a inmediatez que impoñen as redes sociais".
A emisión en PontevedraViva Radio deste podcast coincidiu co Día Internacional do Dereito ao Acceso á Información, segundo a ONU, como lembra Ana González. Precísamente, ratificando esa máxima, explica as razóns polas que este Colexio Profesional remitiuse á Xunta de Galicia instando a recibir unha información transparente sobre os datos do coronavirus.