Os técnicos de incendios chegan a un preacordo con Medio Rural e suspenden a folga
Por Oskar Viéitez
O persoal técnico forestal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais acordou este luns a suspensión da folga mentres se manteñan as negociacións comezadas esta mañá.
Logo das tres reunións mantidas cos representantes da Consellería de Medio Rural, nas que se concretaron varios dos compromisos acordados na asemblea de traballadores mantida o pasado martes 22 de setembro, os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT, xunto co comité de folga, veñen de acordar a suspensión da folga indefinida, convocada o 1 de agosto de 2020.
Así a prioridade agora é retomar a mesa de negociación co fin de acadar un novo acordo de condicións de traballo para este persoal empregado público. Porén no día de hoxe quedou formalmente constituída a Comisión Negociadora e na xuntanza presentouse pola parte social a proposta de melloras, tal como esta comprometido no cronograma acordado.
A negociación vaise realizar por bloques e contase con rematar cun novo acordo de condicións de traballo o vindeiro 31 de decembro de 2020, no que ademais das melloras das condicións de traballo tamén se abordarán o plan formativo, a segunda actividade ou a inclusión do colectivo nun acordo estatal de coeficientes redutores para a xubilación anticipada.
Por tanto empezando polo primeiro bloque das negociacións, as organizacións sindicais fixeron entrega dun documento que recolle de xeito resumido as seguintes cuestións: a redución horaria, a xornada máxima anual de traballo, o réxime de prestación de servizo en período extraordinario (gardas) e ordinario, o período mínimo de vacacións e as garantía para o desfrute dos permisos e licenzas.
Por outra parte a Consellería do Medio Rural comprométese a non seguir aplicando descontos ao persoal que non secundou a folga ata que se faga unha revisión dos descontos aplicados.
Rematou a xuntanza coa sinatura da acta que recolle, a constitución da mesa negociadora, a suspensión da folga e a negociación das condicións de traballo, e coa convocatoria da seguinte xuntanza da Comisión Negociadora para o xoves 1 de outubro.