Tras a pista da Covid-19: así traballan desde Figueirido os rastrexadores da pandemia en Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
- Bos días, xxx. Chámao xxx, do equipo de rastrexadores do Exército. Colaboramos coa Xunta de Galicia. En primeiro lugar, comunícolle que a chamada vai ser gravada. Chámoo para facer seguimento do seu caso.
A literalidade pode cambiar en función do caso e a partir de aí, a evolución da chamada marcaraa a particularidade de cada un dos interlocutores que hai alén do teléfono. Deste lado da liña, a forma de proceder sempre será a mesma. Estamos a presenciar o traballo dun dos 30 primeiros rastrexadores do Exército que este luns empezaron a traballar, en quendas de 10 para cubrir as 24 horas do día os 7 días da semana, desde a base General Morillo da Brilat en Figueirido en apoio aos profesionais da Xunta de Galicia.
Son os 'cazadores' da pandemia, que seguen a pista ás persoas contaxiadas de Covid-19 nas catro provincias galegas e os seus contactos estreitos para, desta forma, acurralar a evolución da enfermidade. Para facelo, as súas ferramentas son un teléfono, un computador con acceso ás bases de datos de contaxiados da Xunta de Galicia e a formación que adquiriron desde a creación da Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica ( UVE) das Forzas Armadas de apoio a Galicia. En cada comunidade, hai equipos similares do Ministerio de Defensa, pero ningún traballa igual, pois as súas metodoloxías e traballos están adaptados á realidade de cada territorio.
- Que nota vostede? Ten síntomas?
As preguntas, realizadas con todo mimo e empatía, indagan a evolución de cada paciente. É o primeiro día de traballo deste equipo e, de momento, hai 30 militares que realizan tarefas básicas de rastrexo facendo seguimento de contactos que xa foron, previamente, contactados pola Xunta de Galicia. É xa, por tanto, polo menos a segunda chamada que recibe o seu interlocutor e xa está preparado para o cuestionario.
A misión destes militares, que se bautizou operación Baluarte, márcaa a Xunta de Galicia e, para cumprila, deben seguir o protocolo que lles marcaron desde Sanidade. Por parte do Exército, o xefe da UVE é o comandante Guerreiro e explica que a previsión é que esta primeira fase de tarefas básicas de rastrexo vaia evolucionando.
A Unidade vai traballar "de manera gradual", primeiro con 30 efectivos da o Brilat e outros 30 da Armada e, nas próximas semanas, irase incrementando o persoal ata máis de 200 militares (120 rastrexadores do Exército de Terra, 70 da Armada e cadros de mando) e as funcións ata realizar tarefas propiamente de rastrexo de contaxios.
De momento, fan seguimento a eses contactos, "les llaman, les preguntan cómo están, si siguen manteniendo la cuarentena..." e, desta forma, garanten que se garden as corentenas e alertan ás autoridades sanitarias se hai incumprimentos e se desenvolven algún síntoma ou a propia enfermidade.
A Consellería é quen lles marca os casos para seguir e, para iso, teñen acceso a un computador co software específico da administración autonómica e, durante a chamada, responden a unha enquisa epidemiolóxica establecida. Unha vez finalizada a conversación, pechan a ficha e, en escrupuloso cumprimento de todas as leis de protección de datos, non volven ter acceso a ningún detalle máis do seu historial.
- Moitas grazas. Volveremos chamar para facer seguimento. A súa corentena non acaba ata o día xxx.
O guión para seguir é sempre o mesmo. As palabras, as propias que elixa cada rastrexador. Iso si, o que resulta imposible de fixar é a duración da chamada, que depende da situación de saúde e as ganas de comunicarse do interlocutor. Así o explica o capitán Martínez de Lagos desde a sala de traballo da primeira quenda destes rastrexadores. No primeiro día deste equipo en Figueirido déronse conversacións curtas nas que o paciente respondeu case con monosílabos ao cuestionario e despediuse amablemente ata outras que se complicaron porque tiña síntomas sobre os que había que indagar, dificultades de conversación ou unha personalidade máis tendente a falar longamente.
Se unha característica é común a todas as chamadas é a empatía. Os militares que, de forma voluntaria, pediron unirse a esta Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica recibiron formación en Covid-19, rastrexo e comunicación, foron preparados para recoñecer os signos e síntomas, profundaron en cuestións legais e sanitarias e coñeceron técnicas de comunicación fundamentais para abordar a unha persoa enferma ou con posibilidades de desenvolver a enfermidade, coa tensión e nerviosismo que pode supoñer tal situación, e lograr servirlle de apoio.
Para formar parte deste equipo priorizouse a militares con perfil sanitario e, a maiores, reciben coñecementos sobre o virus, os seus cadros clínicos ou factores de risco. A pesar de todo, en cada chamada poden darse particularidades e, para resolver posibles dúbidas, no cadro de mando da unidade hai un comandante médico e, por cada equipo de dez rastrexadores, un enfermeiro de apoio.
Na primeira quenda de traballo o apoio deuno o tenente Palma. Nesta primeira fase do traballo da unidades de vixilancia tan só se fai seguimento a contactos, de modo que non é habitual que aparezan cadros clínicos complexos. Nas súas primeiras horas de traballo, "todo dentro de lo normal, no hemos encontrado nada raro", explica, aínda que xa é consciente de que non sempre será así. Conta coa formación e a predisposición para resolver todo tipo de dúbidas. As máis habituais, segundo puido percibir, teñen que ver coa febre e con cantos graos empeza a considerarse síntoma de Covid-19.
Durante as súas chamadas, os rastrexadores deben respectar de forma escrupulosa a intimidade do paciente e, para iso, reciben formación específica en aspectos relacionados coa protección de datos. O responsable desta formación é, na Brilat, o capitán Crespo, que os forma sobre cobertura legal e detállalles que os datos relacionados coa saúde teñen unha "especial protección".
Noutras circunstancias, estes militares "no podríamos manejar este tipo de datos", pero nun contexto de pandemia e alerta sanitaria, o "interés público" prima e estes militares teñen autorización para solicitar datos persoais do paciente "en beneficio de la sociedad". De todos os xeitos, nunca está de máis dar esta formación e explicar aos rastrexadores que, para cumprir a súa misión, séguese a premisa de minimizar ao máximo os datos persoais solicitados, "estrictamente datos de salud relacionados con laCovid-19".
O capitán Crespo explica que os cidadáns teñen a obriga de colaborar coas autoridades e, en resposta dese "interés común" deben facilitar todos os seus datos de saúde e contactos. A tónica xeral é de colaboración, pero, pese a esa obrigación, sempre aparecen pacientes que se negan a colaborar. Neses casos, as súas ordes son elevar a situación á Xunta de Galicia, que manexa as situacións máis complexas.
A pandemia evoluciona e, con ela, as directrices para seguir. Bo exemplo diso é que este luns, tal e como explica o comandante Guerreiro, tiveron que explicarlle aos pacientes contactados que o período de corentena baixou de 14 a 10 días. O resto de indicacións a dar nas súas chamadas están "protocolizadas por la Xunta" e, a medida que estes militares vaia asumindo máis competencias, indicaranlles datos como, por exemplo, que se considera contacto estreito ou a que pacientes solicítaselles a realización dunha PCR.
Previsiblemente, chegarán a ese punto dentro de tres semanas, cando teñan "la capacidad operativa plena", en "estrecha colaboración" coa Xunta e realicen seguimentos máis complexos como os que levan facendo a nivel interno en Defensa desde marzo. De momento, seguen coas súas funcións básicas e, como paciente ou contacto estreito, poderá recibir unha chamada súa cada 2 ou 3 días, segundo marque o sistema.
Relacionadas:
-
RADIO.- Rastrexadores do Exército: "a final de xuño a media diaria era de dúas ou tres mil chamadas e a pasada fin de semana chegouse a once mil"
Por Marisa Ciordia |
-
A Brilat, recoñecida coa gravata da Orde de Isabel a Católica polo seu papel durante a pandemia
Por Redacción |
-
Denuncian o mal control dos rastrexadores no seguimento de positivos nas comunidades escolares do Grove
Por Redacción |
-
Patrullas da Brilat completan o Camiño de Santiago na súa tradicional competición militar
Por Redacción |
-
Pelotóns de 40 militares traballarán desde Figueirido de luns a luns de 9 a 22 para rastrexar a Covid-19 por Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |