Un veciño de Caldas de Reis acepta 3 anos de prisión por reincidir na venda de droga
Por Oskar Viéitez
A Sección segunda da Audiencia de Pontevedra resolveu este martes mediante un acordo de conformidade un xuízo por un delito contra a saúde pública.
O acusado aceptou unha condena de tres anos de prisión e multa de 120.000 euros, por vender cocaína e haxix nas proximidades do seu domicilio. O caso procede do Xulgado de Instrución número 2 de Caldas de Reis.
O fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, aceptou rebaixar á metade a súa petición inicial de condena, que era de seis anos, ao ter en conta a atenuante de drogadicción.
Tamén existe unha circunstancia agravante de reincidencia xa que o acusado fora condenado por sentenza firme do 21 de xuño de 2016 á pena de dous anos de prisión como autor dun delito contra a saúde pública, unha pena que lle foi suspendida durante o tempo de catro anos.
Con todo, como el mesmo recoñeceu e segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Público, durante este tempo veuse dedicando "á venda de cocaína e haxix a terceiras persoas que acudían en coche ás proximidades do seu domicilio sito en Caldas de Reis, contactando previamente con el, quen baixaba da súa casa coa substancia requirida xa preparada e entregáballa ao comprador a cambio do diñeiro pactado".
A Garda Civil observou estes actos de venda e solicitou da autoridade xudicial a entrada e rexistro no domicilio no que vive o acusado, onde localizaron algo máis de 400 gramos de cocaína, así como cinco bolsas con entre cinco e 10 dose de cocaína cada unha. Ademais localizáronse 290 euros fraccionados en billetes así como útiles necesarios para a pesada e envasado de tales substancias, unha báscula de precisión e bolsiñas para a venda.
O valor en mercado da totalidade da substancia aprehendida, toda ela destinada á venda a terceiros, é de 47.900 euros.
A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.