A área sanitaria segue freando a curva: mantén 22 pacientes ingresados e 18 casos activos menos
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue freando a curva de expansión da pandemia da Covid-19 e este martes, como xa ocorreu o luns, ten menos casos activos. En concreto, contabilízanse 793 casos activos, 18 menos nunha xornada. É, por tanto a segunda xornada consecutiva de redución da incidencia tras máis dun mes de incremento constante.
De todos os xeitos, durante as últimas 24 horas si houbo novos contaxios. En concreto, contabilizáronse 15 novos positivos, pero a curva baixa igualmente porque foi maior o número de pacientes de alta. Entre este luns e este martes, recibiron o alta 33 pacientes.
A presión asistencial segue sen cambios na área sanitaria. Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, un total de 22 pacientes continúan ingresados na área sanitaria, a mesma cantidade que o luns. Deles, cinco atópanse na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
Ademais, hai 17 pacientes ingresados en planta de hospitalización, 13 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 3 no Hospital do Salnés.
O resto de pacientes con resultado positivo, 771, están en seguimento domiciliario.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 1.326 pacientes, 33 nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 19 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas realizáronse 756, que se engaden ás 41.672 xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.297, unha nova baixada con respecto ao luns, con 65 casos menos.
Pontevedra continúa como a segunda área sanitaria con máis casos activos. A primeira é A Coruña, con 997, dúas menos que o luns A estes datos hai que sumar 539 da de Lugo (13 menos nun día), 756 da de Ourense (13 máis), 510 da área de Vigo (2 menos), 572 da de Santiago (11 menos), e 150 da de Ferrol (3 menos).
Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.111 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 18.534 persoas curadas, rexistrándose 731 falecementos. A última persoa falecida nun centro hospitalario foi un home de 61 anos, que estaba ingresado no HULA, e presentaba patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 469.694.