Sanxenxo saca a licitación a humanización do vial de acceso á capela do Santo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acaba de sacar a licitación a humanización do vial de acceso á capela do Santo en Nantes por 216.272 euros.
O obxectivo dos traballos é facer compatible a circulación de vehículos lixeiros coa circulación segura de peóns, proxectando unha calzada en plataforma única de uso mixto, respectando unha contorna con alto valor patrimonial no que existe un cruceiro e unha capela.
Actualmente, existe un vial asfaltado moi estreito con beirarrúas tamén moi estreitas, realizadas en baldosa hidráulica e con importantes deficiencias. A actuación, prevista en 140 metros, comprende melloras de saneamento coa dotación dunha nova rede de recollida de pluviais e un novo colector que será instalado polo centro do mesmo.
En canto á iluminación pública, o proxecto inclúe a instalación dunha nova canalización eléctrica e a renovación dos farois, con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética.
Respecto ao mobiliario urbano, está prevista a instalación de bancos e papeleiras, do mesmo xeito que unha pantalla para reducir o impacto visual dos contedores de lixo. A pavimentación realizarase con laxas de granito, establecendo zonas seguras para os peóns e o pavimento de pedra da zona perimetral da capela limparase de forma manual.
Os traballos financiaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e teñen un prazo de execución de tres meses.