Conclúe a rehabilitación das casas modernistas da Illa de Arousa
Por Redacción
As obras de restauración do conxunto de tres casas modernistas de rúa Marqués de Bradomín e a reurbanización e mellora da seguridade viaria en toda a área formada polo Centro de Saúde - Casa do Mar e o barrio de As Laxes, no municipio da Illa de Arousa, xa están rematadas. Para comprobar o estado final destes proxectos, valorados que supuxeron o investimento de 3,1 millóns de euros achegados polo Concello e a Deputación (2,9 millóns), a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, viditó A Illa este martes.
"Non estamos ante uns edificios calquera, senón nun espazo que é a historia viva dá nosa comunidade, ligada á conserva e ás familias que puxeron en marcha esta industria que nos situou como unha referencia en todo o mundo”, dixo a mandataria socialista para valorar o traballo do goberno local e de todos os actores que fixeron realidade esta transformación.
A restauración dos tres inmobles, da arquitectura burguesa de principios do século XX, coñecidos popularmente como as casas de O Campaneiro, Dona Tomasa e Goday, os seus xardíns particulares e a antiga fábriza de salgadura permite completar unha gran operación urbanística deseñada polo Concello despois da súa segregación no 1997. Esta recuperación culmina a posta ao dispor dos veciños dunha área de 135.000 metros cadrados que configura o núcleo administrativo, social e de lecer do concello.
A casa do Campaneiro acolle agora un centro cultural, a casa de Doa Tomasa, será un lugar de encontro para persoas maiores e a de Goday acollerá a nova biblioteca municipal e un pequeno arquivo vinculado á actividade conserveira arousá.
No referente á mellora da seguridade viaria na contorna do centro de saúde e o barrio de As Laxes, a obra consistiu na ordenación do aparcamento, ampliación de beirarrúas e pasos de peóns, melloras de accesibilidade no barrio e a dotación de espazos axardinados e novo mobiliario urbano nas zonas residenciais.