O Sergas insiste en que "a atención primaria está aberta e accesible", pero segue recomendando o uso prioritario do teléfono
Por Natalia Puga
Os responsables da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés quixeron transmitir este mércores á cidadanía que "a atención primaria está aberta e accesible" para todos os pacientes que así o precisen, pero que a recomendación global que fai o Sergas é que se priorice o uso da telemedicina.
A directora de Atención Primaria da área sanitaria, Belen Piñon Gamallo, realizou este mércores declaracións sobre este particular, afirmacións que chegan despois de múltiples críticas pola telemedicina que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) implantou nos servizos de atención primaria de toda Galicia desde o inicio da pandemia da Covid-19.
Belén Piñón quixo aclarar que os pacientes seguen podendo asistir aos centros de saúde, pero que a pandemia modificou os "fluxos de usuarios", isto é, as formas e contextos nos que se accede aos propios centros.
"Soamente se modificou o acceso tanto en canto existe unha consulta telefónica previa que pode ser por si mesma resolutiva o precisar dunha citación presencial", asegurou, a pesar da percepción maioritaria da cidadanía de que é imposible lograr unha cita presencial en atención primaria.
A responsable sanitaria anunciou que na área sanitaria están a traballar "para mellorar os fluxos de acceso" á maioría de centros de saúde e, para facelo, están "reorganizando" o traballo dos persoais de servizos xerais e administrativos dos centros e dotando de máis recursos onde detectan que o precisan.
Piñón insistiu aos cidadáns para que chamen aos seus centros de saúde para realizar todas as xestións que non precisen presenza física no propio centro, como pode ser solicitar unha cita, e que só acudan ao centro as persoas xa citadas deste xeito ou que precisen recoller algunha documentación ou atención urxente.
Con estas medidas, na súa opinión, evitaranse as aglomeracións nas salas de espera e as colas en centros de saúde.
CAMPAÑA DE VACINACIÓN DA GRIPE
Belén Piñón anunciou que este ano haberá opción de pedir citas telefónicas e por Internet para a campaña de vacinación anti gripal a partir do próximo martes 6 de outubro. A campaña comezará o 13 de outubro.
En declaracións enviadas aos medios de comunicación, reiterou a "importancia" de chamar ao teléfono de cita previa e non ao teléfono de información do centro de saúde.