Terceira xornada de descenso de casos activos de Covid-19 na área sanitaria
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou, por terceiro día consecutivo, unha baixada do número de casos activos de coronavirus. Este mércores contabiliza 786, sete menos que o día anterior, aínda que segue sumando cada día novos positivos.
Así, segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, nas últimas 24 horas confirmáronse 19 novos positivos de pacientes, aínda que como se produciron 26 altas, en realidade, o número de casos activos reduciuse en sete.
En canto á presión asistencial, tamén se reduciu lixeiramente. Este mércores hai 21 pacientes hospitalizados na área sanitaria, un menos que o día anterior.
En concreto, hai 16 pacientes ingresados en planta de hospitalización, un menos. Hai 13 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra e 2 no Hospital do Salnés.
Non hai cambios en canto aos pacientes máis graves. Así, mantéñense 5 pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
O resto de pacientes con resultado positivo, 765, están en seguimento domiciliario.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 1.352 pacientes, 26 nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 19 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas realizáronse 827, que se engaden ás 42.499 xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.251, unha nova baixada con respecto ao martes, con 46 casos menos.
Pontevedra continúa como a segunda área sanitaria con máis casos activos. A primeira é A Coruña, con 975, 22 menos que o luns. A estes datos hai que sumar 537 da de Lugo (2 menos nun día), 765 da de Ourense (9 máis), 503 da área de Vigo (7 menos), 537 da de Santiago (35 menos), e 148 da de Ferrol (2 menos).
Do total de pacientes positivos, 27 están en UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.014 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 18.949 persoas curadas, rexistrándose 740 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 479.922.