Grave caso de violencia de xénero en Poio: envían a prision un home que causou lesións graves e roubou á súa ex parella
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda de Pontevedra acordou o ingreso en prisión dun pontevedrés detido o pasado venres pola Garda Civil por un grave incidente de violencia de xénero contra a súa ex parella, á que causou graves lesións. Ademais de pegarlle, picoulle as catro rodas do coche, ameazouna e, como colofón, rouboulle o bolso.
Os feitos ocorreron na madrugada do venres 25 en Poio. Segundo a información facilitada pola Garda Civil, a agresión máis grave produciuse no exterior do seu domicilio, aínda que xa previamente, e a poucos quilómetros de alí, picáralle as rodas do vehículo e ameazáraa achegándose a ela cunha garrafa do que podía ser combustible.
Xa no exterior do seu domicilio, e tras eses graves feitos previos, agrediuna gravemente e rouboulle o bolso con todas as súas pertenzas. Tras iso, abandonou o lugar.
A muller necesitou atención dunha ambulancia xa no propio lugar dos feitos e a continuación foi trasladada con lesións de carácter grave ao hospital.
A Garda Civil, tras ter coñecemento dos feitos, estableceu un dispositivo de procura do agresor. Unha vez localizado, procedeu á súa detención como suposto autor dos delitos de violencia de xénero, roubo con violencia e lesións graves á súa ex parella.
O home foi trasladado á Comandancia da Garda Civil e posteriormente posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, que estaba de garda e decretou o seu ingreso prisión.
O detido, veciño de Pontevedra, de 42 anos, ten un amplo historial delituoso relacionado co tráfico de drogas, ademais de numerosos antecedentes policiais.