Tenebrio molitor, ou verme da fariña, esa é a materia prima coa que dous pontevedreses comezaron a levantar o seu proxecto empresarial. Héctor Fernánez, biólogo; e Manuel Ángel Gil, enxeñeiro forestal, comezaron coa insecticultura destinada á alimentación de aves, peces e mascotas.
Dado que a conxuntura pandémica retarda practicamente todo, neste caso Manuel e Héctor están centrados en establecer un óptimo protocolo de cría. Como explica Manuel Gil no programa Cara a cara, o protocolo conleva reproducir un hábitat semellante ao que viven estes insectos.
Coas larvas renovan o ciclo vital; os vermes véndense vivos, deshidratados ou conxelados como alimento para as especies sinaladas. Ademais as deposicións tamén se aproveitan elaborando abono para plantas. Isto é, unha iniciativa que comeza e termina de forma sostible.
No norte peninsular son moi escasos este tipo de proxectos empresariais. Hainos que tamén elaboran fariñas de insectos para a alimentación animal, algo que polo momento descartan por cuestión de investimento de capital. O que non descartan máis adiante é a cría doutras especies de insectos.
"Temos xa pequenos produtores de aves interesados en darlle ás súas galiñas este alimento natural. Antes ninguén se cuestionaba que as galiñas comesen miñocas e achégalles unha proteína máis dixestible que a que leva un penso, ademais dunha maior porcentaxe proteínica" expón Manuel en PontevedraViva Radio. Se a súas perspectivas cúmprense, a mediados do próximo ano poderían estar a pleno rendemento.