Sanidade impón restricións en Sanxenxo e Meis a partir deste xoves
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo comunicou que a Consellería de Sanidade impoñerá restricións no municipio debido á mala evolución dos casos de coronavirus.
O mesmo ocorre no concello de Meis, onde a alcaldesa Marta Giráldez relaciona o incremento no seu concello co brote na empresa avícola de Cambados.
Será a partir da medianoite deste mércores cando entren en vigor estas restricións, segundo informaron ao alcalde, Telmo Martín. Sanxenxo rexistra hoxe un total de 34 casos activos, son dous menos que este martes pero cinco máis que o pasado xoves.
"Sanxenxo ten 34 casos activos a día de hoxe. Non é unha cifra excesivamente alta, pero aínda así as autoridades sanitarias consideran convinte a aplicación de restricións. Estou seguro que estas medidas e a responsabilidade que demostrou Sanxenxo ata agora nos últimos meses permitirán reducir os casos de xeito significativo", dixo Telmo Martín.
En Sanxenxo e en Meis aplicaranse as mesmas medidas que en Pontevedra, Poio e Marín, así como Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
Así se limita o aforo do 75% nas terrazas, ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería, bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros; a limitación do número máximo de persoas nas reunións tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto, ademais do peche dos centros de día e residencias.
As medidas publicaranse este mércores no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor as 00:00 horas desta medianoite, volvendo a revisarse en sete días.
VILABOA LEVANTA AS LIMITACIÓNS
Finalmente, e ante a evolución estable dos datos, o Comité de expertos sanitarios acordou levantar as limitacións no concello de Vilaboa, que desde esta mesma medianoite volve adoptar as mesmas medidas que no resto de Galicia.
A intención de Sanidade é "poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta". É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, "podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios".