Poio pide á Xunta que requira a Telefónica o despregue da fibra óptica
Por Redacción
O Concello de Poio instará á Xunta de Galicia a que, cumprindo co Plan Sectorial de despregue de banda ancha, requira, de maneira "urxente e inmediata" a Telefónica medidas para garantir a achega de fibra óptica ao 100% do termo municipal de Poio antes de 2021.
Así consta na enmenda que foi aprobada no Pleno ordinario do pasado martes, elaborada polo Goberno local e engadida a unha moción presentada inicialmente polo Partido Popular.
Tal e como lembraron os voceiros do BNG, PSOE e Avante Poio, o Concello facilita, dentro das súas posibilidades, todas as xestións administrativas necesarias para que Telefónica poida executar o citado plan, iniciado en 2015, para a dotación dunha rede de acceso de nova xeración, a través de fibra óptica.
O Goberno municipal estima que na actualidade a fibra óptica chega ao 70% da poboación.
CORRECCIÓNS NO PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE
Por último, o Pleno tamén aprobou, cos votos a favor dos membros do Goberno local, as correccións propostas pola Deputación de Pontevedra para engadir ao Plan de Mobilidade Sustentable, aprobado en 2019. Estas achegas serven para resolver pequenas cuestións técnicas e engadir unha ficha referida aos núcleos tradicionais, algo que permitirá impulsar actuacións de mellora nestes espazos.
O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, lamentou o voto en contra do Partido Popular e a súa insistencia á hora de tratar de vencellar esta cuestión a unha hipotética aplicación do sentido único na contorna da Barca.
Tanto Agís, como as voceiras de BNG e Avante, Marga Caldas e Silvia Díaz, insistiron o debate plenario que esta posibilidade "non se contempla", entre outras razóns porque a titularidade corresponde á Xunta de Galicia. Ademais, o Concello ten claro que unha medida desas características só sería viable en caso de que se executase o vial do Vao, un proxecto que a Administración autonómica deixou caer no esquecemento hai máis dunha década.
Agís lembrou que na ficha do Plan de Mobilidade que fai mención á situación da contorna da Barca os técnicos que elaboraron o documento realizan unha serie de achegas e propostas para reforzar a seguridade viaria e impulsar o calmado do tráfico. "Pero iso non quere dicir que vaiamos impoñer o sentido único, como o Partido Popular quere facer ver con afán de enganar e confundir á veciñanza co único propósito de desgastar ao Goberno", finalizou.
Relacionadas:
-
Poio habilita un servizo para que os veciños reclamen contra Telefónica polos atrasos na fibra óptica
Por Redacción |
-
A fibra óptica alternativa a Telefónica estenderase desde Lourido ata A Caeira
Por Redacción |
-
O PP pide o apoio do Concello de Poio á reivindicación de fibra óptica da veciñanza de Samieira
Por Oskar Viéitez |
-
Poio continúa co proxecto de dotación de fibra óptica a todo o municipio
Por Redacción |
-
Poio insta a Movistar a levar a fibra óptica ás zonas do municipio que carecen deste servizo
Por Redacción |