Marín publica un bando para regular o acceso aos cemiterios no Día de Defuntos
Por Redacción
O Concello de Marín acaba de publicar o bando relativo ás normas de conduta, ornamentación e coidado que deben seguirse nos camposantos de Marín de cara ao Día de Defuntos.
As medidas en todo caso serán susceptibles de modificarse ou ampliarse en función da situación sanitaria, confirma o goberno local.
En concreto o bando, que pode consultarse na web do Concello e tamén nos propios cemiterios, especifícase que os visitantes "deberán manter en todo momento o respecto acomodado aos demais usuarios e visitantes así como ás características do recinto".
Tamén se sinala a obrigatoriedade de que os propietarios de panteóns, sepulturas ou nichos que non se atopen "nas debidas condicións estéticas e de harmonización co resto dos panteóns da contorna" procedan á súa limpeza, para o que deberán poñer en coñecemento da actuación ao persoal encargado do cemiterio.
Ademais para facilitar estas actuacións o Concello dispensará as taxas correspondentes na licenza de obra sempre que sexan executadas entre o 1 de outubro e o 1 de novembro.
Por último establécese que as visitas aos cemiterios poderán realizarse dentro do horario de apertura habitual "respectando as normas establecidas". Ese horario, os días 31 de outubro e 1 de novembro verase ampliado de 8.00 a 20.00 horas.
ACCESO AO CEMITERIO DA RAÑA
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, visitaron este mércores o novo acceso peonil habilitado no cemiterio da Raña.
Esta obra, que empezou a executarse en xullo, abre ao exterior a parte norte do maior camposanto do municipio evitando que os usuarios deban percorrer a costa anexa, de importante pendente e sen beirarrúas.
"Era preciso abrir este novo acceso para así solucionar este problema de mobilidade que tiñamos e tamén para resolver unha cuestión de seguridade viaria importante, que podía xerar situacións de perigo", asegurou a alcaldesa".
A obra,enmarcada dentro do Plan Concellos da Deputación, supuxo un investimento de 40.801,07 euros.
Relacionadas:
-
Os conserxes controlarán o cumprimento do aforo nos cemiterios de Marín por Defuntos
Por Redacción |
-
Marín pon punto os seus cemiterios para a celebración do Día de Difuntos
Por Redacción |
-
Marín aumenta a área de estacionamento no cemiterio de Santomé
Por Redacción |
-
O novo acceso peonil ao cemiterio da Raña, a piques de estrearse
Por Redacción |