Veciños de Ponte Sampaio demandan un pavillón de deportes á beira do colexio
Por Redacción
A Xunta Directiva da Asociación de Veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 considera "imprescindible" a construción dun pavillón de deportes na parroquia, "o máis próximo ao colexio público", dado que é a localización idónea que valería para as actividades do centro educativo e para a parroquia.
O colectivo que preside Ramón Agulla realiza esta petición por mor das obras do novo campo de fútbol de Ponte Sampaio e demanda que nese pavillón intégrese unha nave para o uso do club de piragüismo.
Desde a asociación solicitan ao Concello de Pontevedra, que unha vez rematadas as obras do campo de fútbol novo e se proceda a retirar as instalacións do vello, débese ter en conta instalacións complementarias como o palco da música, o local social da festa, os baños públicos e unha instalación do club de piragüismo. Cren que teñen que seguir onde están a día de hoxe e que, se se recolocan, ten que facerse de acordo co criterio dos veciños da parroquia.
No caso do palco e local social, insisten en que son moi necesarios dado que ao longo do ano fanse festas ou eventos nos que ambos son fundamentais.
En canto á instalación que ten o club de piragüismo no campo, tamén é necesaria porque a actual nave non é suficiente, ante o aumento de nenos que realizan este deporte.
O colectivo veciñal tamén cre moi importante que se aumenten as prazas de aparcamento na zona, pois escasean, especialmente no verán, e demandan un parque biosaudable para as persoas maiores do municipio.
Heroes tamén propón que se deixe un anaco de muro de peche do campo actual dun metro cadrado e que se coloque unha placa como homenaxe a todos aqueles veciños que formaron parte das directivas, colaboraron na construción do campo ou formaron parte dos distintos equipos de fútbol.
Relacionadas:
-
A Asociación de Festas Virxe do Carme de Ponte Sampaio rexeita o derrubamento inmediato do palco da música
Por Redacción |
-
A inestabilidade do terreo obriga a modificar o contrato do campo de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Novo atraso na construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Anxo Lourido |
-
Catro meses máis para rematar o campo de herba sintética de Ponte Sampaio
Por Redacción |