A incidencia da COVID-19 volve subir na área sanitaria, con 14 positivos nun día e 9 casos activos máis
Por Natalia Puga
A incidencia da Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volveu subir tras tres días de descenso e este xoves hai 795 casos activos, novos máis que o día anterior.
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, contabilizáronse na última xornada 14 novos positivos, aínda que a subida de casos activos freouse porque se curaron cinco pacientes.
Este xoves descendeu o número de pacientes graves que requiren ingreso hospitalario, de 21 a 20, baixada que hai que atribuír a que durante a tarde do mércores unha muller ingresada no Hospital Montecelo de Pontevedra faleceu.
Así, este xoves hai 15 pacientes ingresados en planta de hospitalización, un menos que o día anterior. Hai 13 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 1 no Hospital do Salnés.
Non se produciron cambios no número de pacientes na unidade de Coidados Críticos, con cinco nestas instalacións do Hospital Montecelo. O resto de pacientes positivos, 775, evolucionan nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 1.357 pacientes, cinco na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 20 pacientes, a última, unha muller de 89 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e que presentaba patoloxías previas, na tarde do mércores.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas realizáronse 694. Son 133 menos que o día anterior, cifra que chama a atención porque nos últimos días o número de probas era moi superior. Desde o inicio da pandemia se. realizaron 43.887 na área sanitaria.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.259, oito máis que o mércores. En xeral, a tendencia das áreas sanitarias galegas é ao descenso do número de casos activos, pero este xoves tanto Pontevedra como Ourense e Vigo aumentaron o seu número. No resto de áreas, descenderon
Pontevedra xa foi superada por Ourense en número de casos e este xoves é a terceira área sanitaria con máis casos activos. A primeira continúa sendo A Coruña, con 964, 11 menos que o mércores. En Ourense contabilízanse este xoves 799, 34 máis que o día anterior. A estes datos hai que sumar 524 da de Lugo (13 menos nun día), 514, da área de Vigo (11 máis), 534 da de Santiago (3 menos), e 129 da de Ferrol (18 menos).
Do total de pacientes positivos, 33 están en UCI, 203 en unidades de hospitalización e 4.023 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 19.1299 persoas curadas e rexistráronse 747 falecementos, sete máis desde o último parte diario.
O número de PCR realizadas na comunidade é de 486.731.
Relacionadas:
-
Baixan ata 765 (-30) os casos activos de coronavirus na área sanitaria nunha xornada con 14 novos contaxios
Por Diego Espiño |
-
"Teño covid-19 e dinme que xa estou curado. Sen PCR nin nada que o demostre"
Por Alejandro Espiño |
-
Unha muller de 89 anos, a vítima mortal número 20 da pandemia na área sanitaria
Por Natalia Puga |