Estritas medidas de seguridade e instalacións reformadas no inicio do curso da Escola de Cantería
Por Redacción
A Escola de Cantería iniciou este xoves o novo curso escolar, o número 41 da súa historia, de xeito diferente ao habitual. Foi cun sinxelo acto presidido pola deputada Noemí Outeda no que se puideron comprobar as estritas medidas de seguridade postas en marcha no centro de cara ao regreso da actividade lectiva.
Un total de 13 alumnos tomaron contacto co profesorado e dispuxéronse a comezar a actividade lectiva a partir deste xoves. Unha vez rematada a presentación oficial, o alumnado percorreu as instalacións para coñecer as novidades e recibir as últimas instrucións antes do comezo das clases.
Dos alumnos inscritos este ano hai catro que comezan a súa andaina en primeiro curso, procedentes de Vigo, Vilagarcía, Soutomaior e Pontevedra. Ademais, o alumno madrileño que o ano pasado comezou a súa formación continúa en segundo.
Noemí Outeda fixo especial fincapé no obrigado cumprimento do protocolo anti covid-19, que se deseñou co obxectivo de desenvolver a actividade docente coas máximas garantías. Ademais, reclamou do alumnado un "compromiso total" co cumprimento das normas de prevención.
O protocolo establece uso obrigado de máscaras, distancia social e lavado frecuente de mans. O centro conta con carteis informativos, dispensadores de hidroxel, alfombras desinfectantes e rutas de tránsito sinalizadas.
A Escola de Cantería fai unha aposta polo ensino presencial ao tratarse dunha formación eminentemente práctica. Unha das novidades deste ano é a reorganización dos horarios só na franxa matutina diante da imposibilidade de utilizar o comedor por mor da pandemia.
Este curso académico é o primeiro unha vez rematadas todas as obras de adecuación á normativa sobre seguridade, accesibilidade e contaminación acústica. Trátase dunha actuación na que a Deputación de Pontevedra investiu 440.000 euros e que, ademais, fixo posible, 18 anos despois da construción da Escola de Cantería, a regularización urbanística coa obtención da licenza de actividade do Concello de Poio.
Relacionadas:
-
Unha exposición no Mosteiro de San Xoán homenaxeará a cantería de Poio
Por Redacción |
-
O PP reclama en Madrid que se recoñeza a formación da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería consegue a acreditación como centro de formación para a expedición de certificados de profesionalidade
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Un mestre canteiro formado en Poio é o gañador do Premio Driehaus das Artes da Construción
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería xa está máis preto de conseguir a homologación dos seus estudos
Por Redacción |