Pontevedra convértese na sede do Campus Noroeste da UNED coa dirección de Víctor González Sánchez
Por Oskar Viéitez
Pontevedra será sede do Campus Noroeste da UNED, que coordina os 14 centros asociados de Galicia, Asturias, Castela-León e Extremadura. O anuncio foi realizado este xoves durante a xuntanza extraordinaria e urxente da Xunta Reitora do Consorcio Universitario do Centro Asociado de Pontevedra.
Durante a sesión tamén se deu conta do nomeamento do profesor, actualmente en Segovia e xa director do Campus Noroeste, Víctor González Sánchez como novo director do Centro Asociado pontevedrés, que como nova sede do Campus Noroeste agrupa aos centros asociados de Xixón, Ávila, Burgos, Palencia, Ponferrada, Segovia, Soria, Zamora, Mérida, Plasencia, A Coruña, Lugo, Ourense e, por suposto, Pontevedra
O único punto da orde do día da xuntanza extraordinaria consistía no trámite de audiencia para o nomeamento do novo director, tralo cese da actual directora, María Troncoso, xa publicado no Boletín Interno de Coordinación Informativa (BICI) da UNED o pasado día 23. Deseguido deuse conta de que o nomeamento do profesor González Sánchez será publicado no BICI o próximo luns, con efectos retroactivos a partir deste xoves, 1 de outubro.
A UNED ten actualmente 5 campus en España. Cada campus dispón de diferentes áreas de coordinación: Académica, orientada á xestión e creación de calendarios de formación regrada; Extensión Universitaria, coa finalidade de coordinar cos centros asociados actividades culturais e formativas non regradas e, por último, a Tecnolóxica, que ten como misión manter e xestionar o equipamento tecnolóxico dos centros para facilitar as clases en rede. As tres coordinacións están baixo a supervisión da Dirección de Campus, que na UNED, ten rango equivalente á Vicerreitoría.
Víctor González, que compatibilizará nas próximas semanas a súa actividade profesional entre Segovia e Pontevedra, desprazarase a continuación a esta cidade e iniciará unha rolda de contactos con tódalas institucións. O profesor González xa tivo no pasado vinculación docente co centro asociado de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Conta atrás para anotarse a titulacións e cursos da UNED
Por Redacción |
-
A UNED Pontevedra terá un orzamento de 2,3 millóns de euros
Por Redacción |
-
Novas oportunidades para Pontevedra como cabeceira do campus Noroeste da UNED
Por Oskar Viéitez |
-
Últimos trámites para que os xardíns da Uned conten cunha nova entrada e estean abertos á veciñanza
Por Redacción |