Cinco empresas presentan ofertas para a ampliación do cemiterio de San Amaro
Por Oskar Viéitez
Unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas, o Concello de Pontevedra recibiu cinco ofertas para a ampliación do cemiterio de San Amaro. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de 474.656 euros e un prazo de execución de 4 meses, desde o inicio dos traballos.
As empresas que presentaron ofertas foron: Actuaciones, Construcciones, Edificaciones y Viales; Excavaciones y Transportes Ivanca; Narom; Planificación, Desarrollo y Gestión de Construcciones; Prace, Servicios y Obras.
Convén lembrar que esta actuación se corresponde coa primeira fase de execución do proxecto "Voltar á terra", na que están previstas tres tipo de infraestruturas distintas. Por unha banda, unha sala para celebrar cerimonias funerais destinada a distintos credos e mesmo a cerimonias laicas, o que convertirá San Amaro nun dos primeiros cemiterios en contar cunha sala destas características.
Ademáis contempla a construción de 312 columbarios, distribuídos en estruturas verticais que confoman columnas e tamén no chan, a instalación de dúas obras artísticas: un conxunto escultórico da autoría do escultor e ceramista Daniel Caxigueiro e un mural da autoría da artista plástica Amelia Palacios.
A intervención desta primeira fase afectará aproximadamente a 2.500 metros cadrados dos 6.000 dos que dispón a parcela, quedando a superficie restante xa acondicionada con pradeira e preparada para acometer unha fase posterior.
Relacionadas:
-
A empresa Acevi porá en marcha o proxecto Voltar á terra, que revolucionará o cemiterio de San Amaro
Por Redacción |
-
O incremento de incineracións obriga a ampliar o número de columbarios no cemiterio de San Amaro
Por Redacción |
-
Pistoletazo de saída para o proxecto que creará 312 columbarios e unha zona para cerimonias laicas en San Amaro
Por Natalia Puga |