Verdugolandia repite triunfo no ‘Caldelas Tapas’ co bocado ‘Carrilleiras do Verdugo’
Por Redacción
O local Verdugolandia é o gañador da VI edición do ‘Caldelas Tapas’, o evento gastronómico que dinamiza a xornada do venres en Ponte Caldelas. O bocado gañador leva o nome de ‘Carrilleiras do Verdugo’, tal e como anunciaba este xoves o alcalde Andrés Díaz trala apertura do sobre pechado co veredicto do xurado.
Dáse a circunstancia de que Verdugolandia tamén obtivo a mellor cualificación do xurado na edición de 2019 deste concurso gastronómico. Entón a súa proposta foi o 'Solombo á miña maneira'.
Este verán, doce locais participaron os venres dos meses de xullo e agosto neste certame culinario que ten como finalidade dinamizar a hostalería do municipio.
O pasado 17 de xuño tivo lugar a cata dos 12 petiscos participantes no concurso polo xurado profesional, composto por Pepe Vieira, Conchi Amoedo e Ángeles Míguez ‘Lita’. Ademais do sabor e da presentación, o xurado valora o emprego de produtos de proximidade e de temporada.
Os establecementos que participaron no ‘Caldelas Tapas 2020’ foron: Acuña, Alameda, Atelier del Delirio, Bora Río, Jamarte, Klimbin, La Terracita, LaTribu, Tapería Victoria, Mesón Parada, El Chavo Casa de Comidas e Verdugolandia.
O Concello de Ponte Caldelas está xa a traballar na vindeira edición do concurso para a súa versión de inverno, o ‘Caldelas Tapas Quentes’, que este ano cumprirá tamén seis edicións.