Carmela Silva trasladará a súa queixa pola escasa presenza de mulleres no II Foro La Toja
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva mostrou a súa "desconformidade" coa escasa presenza de mulleres no cadro de persoal de relatores do II Foro La Toja, que durante tres días reúne a políticos e empresarios para reflexionar sobre como afrontar a reconstrución diante do impacto da crise sanitaria.
"Hai datos que nos retrotraen ao século XVIII en relación á presenza das mulleres na achega de ideas, de proxectos e de propostas", dixo Carmela Silva nunha rolda de prensa celebrada este venres no Pazo Provincial.
Na programación deste evento están anunciados 29 homes e 4 mulleres como relatoras. Como moderadores só hai homes do mesmo xeito que nos actos de inauguración e de clausura. En total, 44 homes fronte a 4 mulleres. "Isto non é tolerable", criticou a presidenta.
Carmela Silva lembrou que, a día de hoxe, "o 54% das persoas universitarias somos mulleres" e que hai expertas recoñecidas a nivel internacional en economía, innovación, ciencia, política "ou no mundo da empresa".
A presidenta da Deputación de Pontevedra cre que neste foro falta "a mirada e as ideas de quen representa ao 52% da poboación" e, especialmente, segundo sinalou, "cando somos nós as mulleres as que estamos a facer fronte ás consecuencias da pandemia".
E engadiu "quen está a atender á poboación a nivel sanitario?" ou na educación ou os servizos esenciais, respondendo a continuación: "as mulleres".
"De verdade nós non temos mentes intelixentes que teñan algo que expor?", dixo.
Acto seguido Carmela Silva citou como exemplo á chanceler alemá Ángela Merckel como responsable de "todas as decisións importantes que se están tomando na Unión Europea".
O Foro La Toja é un evento de tres xornadas de debate e reflexión, organizado por Amancio López Seijas, presidente de Grupo Hotusa, e Josep Piqué, á fronte do Foro. A eles remitiralles unha carta de protesta a presidenta da Deputación de Pontevedra para expresar o seu desacordo "e solicitar que isto non volva ocorrer". Ademais tratará de trasladar esta queixa persoalmente durante o acto de clausura.
Carmela Silva expresou a súa convicción de que esta ausencia de mulleres non se repetirá en futuras edicións deste foro. "Non hai reconstrución sen nós, non hai futuro sen nós", sentenciou.
Relacionadas:
-
Protestan contra a deturpación do nome da Toxa
Por Redacción |
-
Pedro Sánchez en A Toxa: "el virus es un enemigo que tiene muchas caras y una de ellas es la antipolítica"
Por Oskar Viéitez |
-
Os expertos alertan das "cicatrices permanentes" que a covid-19 creará en Europa
Por Redacción |
-
Rebelo de Sousa: "as democracias europeas teñen que renovarse"
Por Oskar Viéitez |