Investigan un veciño de Poio por negarse á proba de drogas tras provocar un accidente
Por Redacción
A Policía Local de Poio investiga a un veciño do municipio, de 47 anos de idade, que se negou a someterse á proba de detección de drogas tras causar un accidente de tráfico, o pasado 29 de setembro, na avenida de San Xoán.
O home, que é natural da parroquia de San Salvador, está acusado dun delito contra a seguridade viaria, segundo confirman desde a Policía Local.
O accidente produciuse a primeira hora da tarde do martes. Foi entón cando o individuo, que circulaba pola PO-308 en dirección a Sanxenxo, chocou contra un vehículo que estaba aparcado, provocándolle importantes danos materiais.
O condutor negouse a pasar a proba de consumo de estupefacientes, feito polo que se abriron as dilixencias. Ademais, os axentes que se trasladaron ata o lugar dos feitos tamén constataron que o sospeitoso carecía de seguro no seu automóbil e tiña a ITV caducada, polo que tamén se tramitarán as pertinentes sancións administrativas.
O condutor, segundo comprobaron os axentes, xa tiña antecedentes similares.
En xullo de 2019 provocou dous accidentes de tráfico, con danos materiais, na rotonda da Barca e na rúa Echegaray, en Pontevedra.
Nos feitos que agora se investigan, dáse a circunstancia de que o sospeitoso si accedeu a someterse a proba de alcoholemia, cuxo resultado foi negativo.
Ademais, os axentes procederon a efectuar un rexistro do vehículo do investigado, en cuxo interior atopouse unha pistola táser, feito polo que tamén se abriu o pertinente expediente administrativo e se denunciou ante a Subdelegación de Goberno, por dispoñer dunha arma prohibida para a cal carece de licenza.
Relacionadas:
-
Alcoholemia de récord en Poio: provoca un accidente tras beber seis veces máis do límite permitido
Por Redacción |
-
A voltas coa seguridad viaria na PO-308
Por Oskar Viéitez |
-
Unha veciña de Poio, ferida grave nun atropelo cando cruzaba un paso de peóns
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio alerta do incremento de persoas maiores condutoras sen as aptitudes mínimas para ir ao volante
Por Redacción |