A Lama humanizará a contorna dos pazos da Praza da Pedreira
Por Redacción
Desde hai uns días comezaron as obras de mellora e embelecemento do entorno dos pazos da Praza da Pedreira. O obxectivo do Concello da Lama é promocionar o seu atractivo de cara a fomentar a presenza de visitantes neste enclave turístico.
Esta actuación é financiada cunha achega da Xunta de Galicia que supera os 40.000 euros.
Os pazos da Pedreira forman un espazo representativo da arquitectura tradicional galega con petos de ánimas, casas antigas de factura típica galega, pazos e casas señoriais, escudos ou igrexas, construcións vinculados coa Galicia señorial dos séculos XVIII e XIX.
Na praza construíronse pazos e casas señoriais tales como as dúas casas brasonadas coñecidas como Pazo dos Contreras ou dos Fidalgos, que agora se queren poñer en valor.
A actuación que se está acometendo prevé a instalación de lastros e lousas de pedra que será máis axeitados para harmonizar mellor co recurso turístico e co entorno do mesmo e substituirá ao actual pavimento de asfalto.
Tamén se acometerá un proceso de sinalización turística direccional que indicará os diferentes bens patrimoniais e por tanto recursos turísticos existentes como a igrexa e cruceiro de San San Salvador, o peto de ánimas de San Antonio e a capela do Sagrado Corazón.
Así, haberá un panel explicativo desta zona señorial con texto alfanumérico e en braille que recollerá a súa arquitectura, historia e particularidades. Nel figurarán os recursos turísticos existentes con imaxes e códigos QR que enlazarán a información sobre os pazos.
O alcalde, Jorge Canda, explicou que con esta actuación preténdese "potenciar o atractivo turístico" da Lama ao tempo que se acondicionan servizos e se mellora o aspecto que presenta este entorno que, ao empedralo, harmonizará mellor co seu contexto histórico.