Os casos activos por covid-19 caen con forza en Pontevedra e máis timidamente en Marín, Poio ou Sanxenxo
Por Redacción
Os casos activos por covid-19 nos concellos que teñen restricións -os únicos nos que Sanidade detalla o número de contaxiados- seguen a descender, segundo os datos oficiais.
Na cidade de Pontevedra, nas últimas 24 horas hai 23 casos activos menos. O número actual de persoas que están a ser atendidas polo coronavirus ascende a un total de 333 fronte os 356 que había rexistrados este xoves.
Marín é o segundo concello da área sanitaria cun maior número de positivos. Con todo, tamén baixan os casos activos aínda que dun xeito máis tímido. Hai 61 pacientes con covid-19, un menos que onte.
Pola súa banda, Vilagarcía baixou outros catro casos, de 63 a 59, e xa se sitúa case ao nivel de cando se iniciaron as restricións, hai unha semana, na que se rexistraban 57 casos.
Segundo as autoridades sanitarias, boa parte dos casos en activo teñen que ver co foco detectado na avícola de Cambados e os contactos directos dos afectados.
En Poio hai actualmente 51 casos activos, o que supón catro menos que no último balance. Este é tamén o rexistro máis baixo acadado no municipio desde o pasado 21 de setembro.
Catro casos menos de covid-19 requiren atención en Sanxenxo, municipio no que os contaxiados son un total de 29, cando hai apenas 24 horas chegaban aos 33.
Relacionadas:
-
A morte dunha muller de 82 anos eleva a 21 as vítimas da covid-19 na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sanidade incorpora a Cambados aos municipios con restricións pola covid-19
Por Redacción |
-
Baixan ata 765 (-30) os casos activos de coronavirus na área sanitaria nunha xornada con 14 novos contaxios
Por Diego Espiño |