A Deputación aproba investimentos en Bueu e Cambados
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar novos investimentos destinados a facer realidade proxectos impulsados dende Bueu e Cambados.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva destacou que "como sempre, a Deputación é a administración que inviste nos concellos e que garante co seu respaldo económico os servizos e dereitos da xente, viva onde viva".
O Concello de Bueu recibirá 77.440 euros para a adquisición de dous aseos públicos. Un destes equipamentos colocarase na Praza de Massó, na contorna da Casa do Concello, e o segundo no Paseo María Eugenia, preto do Estaleiro de Purro. Os aseos serán accesibles, gratuítos, autolimpables e antivandálicos. Contarán cun sistema de drenaxe non visible, inodoro, barra de apoio, moble lavamáns, dispensador para papel hixiénico, perchas, papeleira e sistema de ventilación.
O Concello de Cambados obterá 79.628 euros para a mellora das beirarrúas e zonas de estacionamento na rúa Sevilla, mellorando tamén as redes de saneamento e pluviais, así como as conexións das baixantes das edificacións. Neste caso trátase dunha actuación complementaria a unha primeira fase, xa executada co Plan Concellos, por valor doutros 74.433 euros. O ámbito de actuación comprende o tramo que vai dende a rúa Pombal ata a liña de delimitación do Conxunto Histórico-Artístico de Cambados.