Os docentes do Valle-Inclán alertan: "Non se garantiza a saúde do alumnado nin do profesorado"
Por Manu Otero
O profesorado do IES Valle-Inclán non pode máis. O caótico inicio do curso, coa imposición da semipresencialidade no bacharelato emendada esta fin de semana coa instalación de biombos como remedio para saltarse a distancia de seguridade entre alumnos, colmou a paciencia de 47 docentes do claustro deste céntrico instituto pontevedrés que asinan un comunicado no que detallan todas os problemas que afectan ao novo curso académico e cargan duramente contra a Xunta á que acusan de poñer en risco a saúde de toda a comunidade educativa.
O primeiro punto no que fan fincapé é a "falta de información e transparencia" coa que acabou o pasado curso e comezou o presente por parte das administracións. Critican tamén a falta de implicación da Xunta á hora de planificar a volta ás aulas cedendo a responsabilidade e aumentando a carga de traballo das directivas dos centros, que tiveron que adaptar os seus protocolos ás novas medidas e restricións que foron engadindo as administracións durante os primeiros dias de setembro.
A única solución que ven os docentes aos problemas nos centros de ensino para poder ofrecer unha educación presencial e que garanta a saúde pasa por "a redución de ratios e a ampliación dos cadros de persoal". Alertan os profesionais que a masificación das aulas neste instituto xa era un problema antes da covid-19, pero agora "a insuficiente dotación de profesorado para o novo curso impide desdobres e aboca ao alumnado de bacharelato a un ensino semipresencial".
Por todo eles, o profesorado quere facer pública unha longa lista de irregularidades detectadas polo colectivo nestas primeiras semanas de curso. "A falsidade que supón asegurar que se dotará aos centros de todos os recursos que fagan falta cando és evidente que iso non se cumpre xa que o profesorado e persoal de limpeza resultan insuficientes", denuncian en primeiro lugar, criticando que Educación está a poñer o criterio económico por diante do educativo e o da saúde.
Alertan tamén que a semipresencialidade no bacharelato vai xerar unha "desigualdade social" e unha "desvantaxe" dos alumnos con respecto aos estudantes doutros centros que si ofertan un ensino presencial.
"A superación das ratios (15-20 alumnos por aula) recomendados por organismos internacionais, xa que temos aulas de 30 alumnos con mamparas e sen distancia de 1,5 metros, que se recomenda como segura", engaden con preocupación os profesores do Valle-Inclán.
No plano estritamente docente, lamentan tamén a perda de aulas específicas como as de música, os talleres ou laboratorios que afectarán a aspectos fundamentais no desenvolvemento de varias materias. Unha delas, especialmente neste instituto, é a de Educación Física "que non ten espazo suficiente para atender ao alumnado".
A ausencia de regulación e planificación da teledocencia é outro aspecto que preocupa aos profesións, que se queixan que a única norma clara é que a Inspección Educativa debe figurar como usuaria en todos os cursos das aulas virtuais dos centros. Tampouco teñen claro, e mesmo avisan da existencia de trabas, para a atención ao persoal e alumnado vulnerable.
A fenda dixital derivada do ensino non presencial tamén se fará máis profunda neste contexto. "É unha brecha social, sistémica, que non se arranxa dotando de máis conexións á rede. A escola pública e de calidade é unha das ferramentas fundamentais para paliar as desigualdades, pero se nos fan traballar en precario, perdemos esa capacidade", quéixanse.
A falta de formación de calidade do profesorado, acentuada nos últimos meses, é outra das carencias que recolle a denuncia do claustro contra Educación. "Pretenden solucionala cun par de cursos que se impartirán cando inicien as clases. De novo deixan en mans do voluntarismo presonal e da solidariedade dos compañeiros a solución da fenda dixital que tamén nós padecemos", critican.
A pesar da falta de persoal, a carga de traballo non deixa de crecer. "Existe un aumento de tarefas de garda e custodia do alumnado e unha multiplicación de documentos e informes para Inspección Educativa que sospeitamos non terá en conta. Mentres, non se apoia o noso labor fundamental que é a docente", sinalan.
Finalmente, advirten que "a carga económica que sobre o orzamento do centro supón a compra do material anticovid diminúe a capacidade de gasto que xa nos últimos anos era moi axustada polos recortes".
Por todo iso, o claustro de profesores do IES Valle-Inclán considera que "a pesar de todo o esforzo do equipo directivo e do traballo deste claustro, non se garante a saúde do alumnado e as súas familias, do profesorado e do persoal non docente. Queremos manifestar o noso firme rexeitamento á actuación da administración educativa", rematan.
Relacionadas:
-
Educación prepara un proxecto para a rehabilitación integral do instituto Valle-Inclán e prevé investir 2,5 millóns
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O Concello esixe a Educación o bacharelato "100% presencial" no Sánchez Cantón e o Valle Inclán "o antes posible"
Por Alejandro Espiño |
-
Educación autoriza o uso de mamparas nas aulas do instituto Valle Inclán
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG apoia ao alumnado do Sánchez Cantón e Valle Inclán que protesta contra o bacharelato semipresencial
Por Redacción |
-
Sánchez Cantón e Valle Inclán unen as súas voces para protestar por un bacharelato "que non é nin semipresencial"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Concello limitará un espazo en Montero Ríos para as clases de Educación Física do IES Valle Inclán
Por Manu Otero |
-
Os institutos volven á vida por quendas e moi ordeados para tentar evitar aglomeracións
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Pais e estudantes do IES Sánchez Cantón mobilízanse por un bacharelato 100 % presencial
Por Manu Otero & Mónica Patxot | Creada e actualizada